Inicio / Noticias / A Xunta convoca, para decembro e febreiro, os propietarios dos terreos necesarios para executar a primeira fase da Variante de Ribeira
25/11/2022 - 02:57

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convoca, para decembro e febreiro, os propietarios dos terreos necesarios para executar a primeira fase da Variante de Ribeira, que comprende o treito entre a estrada autonómica AC-550 e a avenida da Constitución.

 

O levantamento das actas previas á ocupación terá lugar os días 12, 13 e 14 de decembro, entre as 10 e as 13 horas, na praza de Abastos de Ribeira; a formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 23 e 24 de febreiro, no mesmo horario e lugar.

 

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia (DOG) pode ampliarse esta información: http://xurl.es/uwom1

 

A Xunta reserva nos Orzamentos de 2023 1,5 M€ e partidas plurianuais ata 2025 que acadan os 6,5 M€ para a Variante de Ribeira. Actualmente está a ultimarse o proxecto construtivo correspondente á primeira fase, entre a AC-550 e a avenida da Constitución.

 

Ademais, o Executivo autonómico licitou esta mesma semana as obras da nova vía de conexión coa aldea de Fafián, que suporán un investimento de máis de 860.000 euros e constitúen o primeiro paso para facer realidade a Variante de Ribeira.

 

Na primavera de 2024 os veciños xa disporán dun pequeno treito de 220 metros que forma parte da Variante de Ribeira, unha infraestrutura clave que dotará o núcleo urbano dunha vía que de oeste a sur conecte a autovía do Barbanza e a AC-550 coa estrada da costa.

 

A nova vía, cuxos traballos se veñen de licitar, irá da estrada provincial DP-7305, que conecta Ribeira con Aguiño a través de Carreira, ata a aldea de Fafián.

 

Comezará na conexión coa estrada da deputación mediante a execución dunha glorieta de 34 metros de diámetro e finalizará en Fafián, cunha intersección en “T”. Este pequeno tramo permitirá captar un tráfico estimado de case 4.300 vehículos, o 3,4% de vehículos pesados.