Inicio / Noticias / A Xunta convoca para xuño e setembro os propietarios dos terreos necesarios para executar un acceso ao parque empresarial de Lebozán, no Concello de Beariz
07/06/2022 - 03:25

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022 A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para xuño e setembro, dos actos expropiatorios para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada autonómica OU-212.

 

Esta intervención de mellora da mobilidade e reforzo da competitividade e das potencialidades empresariais do municipio suporá un investimento autonómico de 445.000 euros.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que avanza na contratación das obras, prevé iniciar os traballos en outono. A actuación conta cun prazo de execución de 4 meses.

 

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 20 de xuño, das 11:00 ás 13:00 horas, na Casa do Concello de Beariz. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 1 de setembro, tamén na sede do Concello, das 9:30 ás 10:00 horas. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://cutt.ly/1JATTJR.

 

 

 

 

 

 

 

Esta actuación é o resultado dun estudo onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada OU-212, a funcionalidade e a seguridade viaria. A solución concreta a proposta recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz.

Así, o departamento de Infraestruturas da Xunta actuará na estrada OU-212 ao longo duns 250 metros, pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial, dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.

A intervención inclúe a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada cara á área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.

 

Na zona onde se realizará a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente.

 

Tamén se procederá á instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a competitividade e tamén as potencialidades do territorio.