Inicio / Noticias / A Xunta crea un itinerario peonil accesible para equipos de emerxencias e mellora a sinalización das Torres do Oeste de Catoira
14/06/2021 - 14:27
A Xunta crea un itinerario peonil accesible para equipos de emerxencias e mellora a sinalización das Torres do Oeste de Catoira

Catoira, 14 de xuño de 2021.- A Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de crear un itinerario peonil accesible e axeitado para equipos de emerxencias e de mellorar a sinalización das Torres do Oeste, o monumento máis emblemático do Concello de Catoira e que conta coa catalogación de Ben de Interese Cultural (BIC).Por este motivo, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá esta actuación, que está orientada a garantir a seguridade e a reforzar a identificación e favorecer o acceso a este monumento, xunto ao alcalde, Alberto García.Este investimento realizouse grazas a un convenio entre Turismo de Galicia e o Concello de Catoira a través do cal a administración autonómica reportou máis de 22.000 euros para a execución destas obras, que contaron cun investimento global de 34.000 euros.“O Goberno galego sempre está disposto a colaborar coas necesidades turísticas dos concellos, especialmente cando se trata de Bens de Interese Cultural e son monumentos tan coñecidos e visitados como as Torres do Oeste, que ademais acollen a milleiros de visitantes de todo o mundo a comezos de agosto coa celebración da Romaría Viquinga, unha das festas máis importantes de Galicia e que conta con categoría internacional”, explicou Luis López.Ademais, o representante autonómico engadiu que estas actuacións “son de gran importancia para que toda a comunidade loza nas mellores condicións, e máis nesta época, porque estamos ás portas de ir recuperando a normalidade, aínda que con sentidiño, e nos atopamos inmersos nun dobre Ano Santo, no que temos postas moitas esperanzas e no que agardamos que moitos visitantes veñan a Galicia, sobre todo a medida que se vaian acadando importantes parámetros de inmunizados fronte á covid-19”.O proxecto consistiu na creación dun percorrido entre as infraestruturas viarias e as Torres do Oeste que permite a chegada e saída a este monumento do persoal de atención de emerxencias cos seus correspondentes equipos para a resolución de calquera incidencia que se poida producir na súa contorna, así como no reforzo da sinalización co obxectivo de que os turistas poidan coñecer o acceso a este BIC de xeito seguro e áxil.