Inicio / Noticias / A Xunta dá comezo ás obras de mellora da estrada LU-653 na Pobra de Brollón, nun treito de seis quilómetros entre Os Medos e Pacios de Veiga

A Xunta dá comezo ás obras de mellora da estrada LU-653 na Pobra de Brollón, nun treito de seis quilómetros entre Os Medos e Pacios de Veiga

07/08/2018 - 03:49

A Pobra de Brollón (Lugo), 7 de agosto de 2018.- A Xunta de Galicia dá comezo mañá ás obras de mellora da estrada LU-653 na Pobra de Brollón, nun treito de 5,75 quilómetros de lonxitude localizado entre Os Medos (Castrosante) e Pacios de Veiga (A Ferreirúa).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda destina un investimento de 36.260 á realización de traballos de reacondicionamento e rehabilitación localizada do firme entre os puntos quilométricos 4 e 9 aproximadamente, obras que se prolongarán durante as vindeiras dúas semanas.

As actuacións consistirán nunha limpeza e reperfilado de cunetas en todo o treito e a regularización do perfil do pavimento nas zonas que o precisen, mediante macadam bituminoso, e a posterior aplicación dun tratamento superficial de rega bituminosa dobre con gravilla en zonas localizadas. Para garantir a calidade e durabilidade dos traballos con ligantes bituminosos, realízanse no verán, a época do ano de maior temperatura e menor humidade.

As obras enmárcanse dentro das operacións programadas no contrato de conservación integral das estradas da rede autonómica na zona sur de Lugo, que coordina a Axencia Galega de Infraestruturas. Están encamiñadas ao mantemento das axeitadas condicións de seguridade, funcionalidade e nivel de servizo para o uso que presenta a estrada, de carácter local e de acceso a fincas principalmente.

A estrada LU-653 ten unha lonxitude total de 18,7 quilómetros e enlaza a estación de ferrocarril da Pobra do Brollón (LU-933) co Hospital do Incio (LU-642).