Inicio / Noticias / A Xunta daralle continuidade á senda de Albarellos, no concello de Monterrei
22/09/2022 - 03:05
A Xunta daralle continuidade á senda de Albarellos, no concello de Monterrei

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022 A Xunta daralle continuidade á senda executada en Albarellos, no concello de Monterrei. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou este compromiso no encontro de traballo que mantivo co alcalde, José Luis Suárez, no que tamén participou o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

 

Segundo indicou Ethel Vázquez, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai iniciar proximamente a redacción do proxecto construtivo da prolongación deste itinerario peonil.

 

O obxectivo deste proxecto é definir as actuacións necesarias para actuar nos arredor de 700 metros da estrada autonómica OU-143 para prolongar as beirarrúas actuais ata a rotonda da N-525.

 

De xeito paralelo, e atendendo á solicitude do alcalde, Ethel Vázquez tamén avanzou a mellora do firme da estrada neste treito, desde a travesía de Albarellos ata a conexión coa nacional.

 

A Xunta rematou o pasado ano a senda de Albarellos, que supuxo un investimento autonómico de 180.000 euros. A actuación levada a cabo permitiu incrementar a seguridade dos peóns, facilitando desprazamentos máis cómodos e seguros aos veciños.

 

O itinerario peonil, de 340 metros, coincide coa traza do Camiño de Santiago, polo que tamén favorece o tránsito de peregrinos que se achegan a Compostela empregando a Vía da Prata. Habilitáronse, ademais, dúas paradas de autobús e instalouse unha nova marquesiña para mellorar o acceso dos veciños ao transporte público.