Inicio / Noticias / A Xunta de Galicia impulsa a mellora dos accesos ao parque empresarial de San Cristovo de Cea cun apoio de preto de 120.000 €
07/12/2022 - 13:51
A Xunta de Galicia impulsa a mellora dos accesos ao parque empresarial de San Cristovo de Cea cun apoio de preto de 120.000 €

San Cristovo de Cea (Ourense), 7 de decembro de 2022 A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitaron esta mañá o parque empresarial de San Cristovo de Cea con motivo da actuación de mellora das infraestruturas viarias levada a cabo co apoio da Xunta de Galicia. En concreto, a Administración galega achegou preto de 120.000 euros (o 80%) para un proxecto no que se investiron preto de 150.000 euros. O de San Cristovo de Cea foi un dos 42 proxectos apoiados en Galicia para a mellora de infraestruturas en parques empresariais. En concreto, na provincia de Ourense concedéronse nove axudas, todas en concellos emprendedores, que supuxeron un investimento total de máis de 700.000€.

 

Estes apoios enmárcanse no compromiso do Goberno galego coa mellora dos parques empresariais da Comunidade que recibirán, en 2023, un total de 5,6M€ para a mellora das súas infraestruturas , servizos e para a creación de novos viveiros industriais. Deste xeito, a Administración autonómica ten previsto publicar este mesmo mes a nova convocatoria de mellora de infraestruturas á que destinará un total de 2,1M€. Esta liña ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local.

 

Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

 

As axudas terán unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros nos caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida.

 

Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e busca ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia, polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.

 

Xunto con estas axudas, o Goberno galego seguirá executando en 2023 os apoios concedidos para a posta en marcha de sete viveiros industriais e para o reforzo e extensión das redes de distribución de tres polígonos, que contarán cun crédito de 3,5 M€.