Inicio / Noticias / A Xunta demanda ao Goberno de España evitar que os fondos de reconstrución europeos agranden a brecha entre o Corredor Atlántico e o Mediterráneo
21/10/2020 - 13:21

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020.- A Xunta demándalle ao Goberno de España que os fondos de reconstrución europeos non agranden a brecha entre o Corredor Atlántico e o Mediterráneo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle hoxe unha carta ao secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Pedro Saura, na que destaca que para a Xunta, igual que para os Gobernos de Asturias e de Castela e León, a inclusión do noroeste peninsular no trazado do Corredor Atlántico é unha oportunidade para acceder aos fondos do mecanismo Conectar Europa ou aos recentemente creados fondos Next Generation que non se pode desaproveitar.

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destaca o obxectivo estratéxico de acadar os investimentos necesarios para que a rede ferroviaria do noroeste peninsular sexa máis competitiva coa fin de xerar riqueza e emprego estable na comunidade.

O Goberno galego, xunto coas comunidades veciñas, vén realizando propostas construtivas ao Ministerio de Transportes para enriquecer as liñas xerais do Plan Director do Corredor Atlántico, documento que a Xunta aínda non puido coñecer na súa totalidade.

Non obstante, a conselleira manifesta a preocupación do Executivo autonómico ante o silencio do Ministerio sobre o avance dos traballos técnicos, que é necesario para poder optar aos fondos europeos.

Insta ao Goberno central a confirmar o seu compromiso para destinar parte dos fondos europeos de resistencia, os fondos Next Generation, á mellora das infraestruturas e material rodante no ámbito dos corredores europeos, tanto no Mediterráneo como no Atlántico.

Trasládalle ao secretario de Estado a inquedanza de que mentres para o Corredor Mediterráneo se acorda o financiamento dos accesos ao Porto de Barcelona, para o Atlántico nin hai conversas sobre a conexión do Porto de Vigo, nin sobre a Saída Sur de Vigo nin sobre a conexión de Langosteira.

Ethel Vázquez solicítalle ao Ministerio a celebración dunha xuntanza para abordar este proxecto estratéxico e canalizar o proceso de diálogo e participación para lograr o necesario consenso sobre os proxectos e investimentos que debe incluír o Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia.

Ademais demanda o nomeamento dun Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico, ao igual que creou para o caso do Corredor Mediterráneo, para coordinar os proxectos susceptibles de financiamento europeo.

A Xunta vén mantendo unha liña proactiva e en xullo xa remitiu ao Ministerio un estudo custo-beneficio sobre a conexión ferroviaria da terminal de Bouzas e a Saída Sur de Vigo, elaborado polos principais expertos galegos na materia, sen ter obtido resposta polo momento.

O Goberno galego tamén licitou a Estratexia de Infraestruturas Loxísticas de Galicia, que se configura como un plan de apoio das actuacións a executar polo Ministerio no noroeste peninsular.