Inicio / Noticias / A Xunta destaca o investimento de 3,8M€ na mellora continua da seguridade viaria na estrada PO-531 e avanza o inicio en maio das obras da 2ª fase de acondicionamento na Devesa, en Pontevedra
06/03/2019 - 07:09

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2019.- O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, destacou hoxe os preto de 3,8 millóns só en traballos directos do departamento de Infraestruturas da Xunta para a mellora da seguridade viaria na estrada PO-531, no seu treito entre Pontevedra e Curro. Actuacións recentes e en licitación ou cos proxectos en redacción que, que tal e como avanzou, seguen a desenvolverse como amosa o inicio en maio das obras da 2ª fase de acondicionamento na Devesa, no Concello de Pontevedra.

Francisco Menéndez detallou na súa resposta a unha pregunta oral na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia o programa continuo da Xunta en materia de seguridade viaria e de conservación desta estrada, de acordo cunha priorización técnica das actuacións e tamén froito dun intenso diálogo cos veciños de Pontevedra como de Barro, remarcou.

Salientou entre as actuacións máis significativas, e demandadas, á intervención no 2017 para a mellora da seguridade viaria da estrada PO-531, que supuxo a execución da glorieta no acceso ao polígono de Sequeiros, no Concello de Barro. Intervención que permitiu minorar a velocidade de circulación na contorna e, con isto, reducir a accidentalidade neste tramo, cun investimento de case 408.000 euros.

Explicou que tamén, de acordo co previsto, esta actuación ten agora a súa continuidade coas obras da 2ª fase de mellora da seguridade viaria no lugar da Devesa, no Concello de Pontevedra. Os traballos prevense iniciar na primeira quincena de maio e contan cun prazo de execución de 6 meses, polo que estarán rematadas este mesmo ano, dixo.

Trátase dunha intervención que busca facilitar a conexión desta estrada co núcleo urbano da Devesa e o lugar de Reiriz, que ten por obxectivo principal reducir a velocidade de circulación neste treito, e que dispón dun orzamento duns 442.000 euros.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas indicou que, en paralelo á execución destas obras, tamén se segue a traballar en novas actuacións de conservación, de mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na estrada PO-531. Trátase dunha nova senda entre o acceso ao núcleo de Sabarís e a glorieta a executar na Devesa, no Concello de Pontevedra, e unha actuación de mellora da seguridade viaria desta estrada ao seu paso polo Concello de Barro. Neste punto lembrou que ambas actuacións son consecuencia das modificacións no proxecto de itinerario peonil e ciclista na PO-531, no treito A Devesa-Bretoña, previsto no Plan de Sendas de Galicia. Este proxecto saíu a exposición pública o 5 de marzo de 2018 e produto das alegacións recibidas decidiuse a súa división en dous.

Tal e como precisou, o primeiro dos proxectos nos que se está a avanzar agora se corresponde coa senda de 1,4 Km pola marxe esquerda desta estrada, entre o acceso ao núcleo de Sabarís e ata a glorieta a executar na Devesa. Este proxecto dispón dun orzamento de preto de 811.000 euros e, tal e como adiantou, está recentemente redactado e iniciando o seu proceso de supervisión. A licitación das obras, así como a tramitación do expediente expropiatorio prevese neste ano 2019 para a súa finalización no ano 2020.

Pola súa parte, no concello de Barro, concretou que tras o proceso de alegacións, optouse por priorizar una actuación previa de seguridade viaria, con reforma de interseccións, na que despois se apoie a senda inicialmente proxectada na zona de Bretoña, próxima a Curro. E adiantou que o novo proxecto será sometido a información pública a efectos expropiatorios nesta primavera, cun investimento que superará o 1M€.

Actuacións, concluíu, que serán complementadas coas que se están a preparar no marco do Plan de Reforzos de Firme, e que prevén volver actuar para a mellora da capa de rodadura nesta estrada, entre este ano 2019 e o ano 2020. Tamén falou doutras intervencións na súa zona de influencia como a senda da estrada en PO-225 en Alba ou a propia Variante de Alba, cuxos proxectos están a ser ultimados.