Inicio / Noticias / A Xunta destaca que o Plan de sendas de Galicia está a converter a estrada AC-552 nun eixe de mobilidade sostible e segura para vehículos e peóns na comarca de Bergantiños
19/04/2018 - 04:48
A Xunta destaca que o Plan de sendas de Galicia está a converter a estrada AC-552 nun eixe de mobilidade sostible e segura para vehículos e peóns na comarca de Bergantiños

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018.- O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, destacou hoxe no eido da Comisión 2ª no Parlamento que o Plan de Sendas de Galicia está a converter a estrada AC- 552 (A Coruña-Cee) nun eixe de mobilidade sostible e segura para vehículos e peóns na comarca de Bergantiños.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Menéndez subliñou que o eixo máis destacado nesta zona do Plan de Sendas de Galicia sitúase, precisamente, na estrada autonómica AC-552, onde as actuacións xa rematadas permiten comprobar a súa funcionalidade e integración dos itinerarios nas contornas urbanizadas e agora máis humanizadas.

O director lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a desenvolver na comarca de Bergantiños 7 sendas, que proporcionarán aos veciños case 11 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas.

Dada a relevancia das intervencións, Francisco Menéndez foi detallando polo miúdo as características das dúas sendas actualmente en servizo e das tres en execución, adiantando tamén os dous proxectos en supervisión.

Sendas xa en servizo

Lembrou a posta en servizo o pasado mes de xaneiro do Itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552, no Concello de Laracha. Un itinerario de uso compartido, peonil e ciclista, de 1,5 km de lonxitude, pola marxe esquerda da estrada AC-552, que permite darlle continuidade ás beirarrúas xa existentes, e que une A Laracha e Paiosaco.

Deste modo, subliñou Menéndez, as persoas que viven en Paoisaco xa poden desprazarse a pé ou en bicicleta á Laracha, onde se atopan os principais servizos do concello, como a propia casa do concello, instituto, centro de saúde ou piscina.

Igualmente, en xaneiro de 2018 púxose en servizo os treitos peonís e ciclista Xornes - Buño - Canta la Rana na AC-421e na AC-422, nos concellos de Malpica e Ponteceso. A senda, de 2 quilómetros de lonxitude, comunica Buño, onde se atopan os principais equipamentos municipais da zona como o centro de saúde ou o colexio, cos dous núcleos de poboación máis próximos: Xornes e Canta la Rana. As sendas conéctanse entre si mediante a execución dun paso de peóns no PQ 0+810 da estrada AC-422, co fin de darlle continuidade ao itinerario. Sinalou que, especialmente no que respecta á AC-421, a mellora de seguridade viaria foi considerable para os peóns, xa que nese treito non se contaba con beiravía para transitar.

Sendas en execución

O director da AXI tamén quixo explicar os avances nas tres sendas que neste intre se atopan en execución nesta comarca coruñesa.

Falou dos avances na execución da senda na AC-429, no treito Neaño – Cabana, no Concello de Cabana de Bergantiños que, segundo indicou, permitirá non só unir Neaño coa capitalidade do concello, onde se sitúa por exemplo o CPI As Revoltas, senón que trala súa posta en servizo poderase ir camiñando de modo seguro entre Cabana de Berganiños e Ponteceso, xa que a nova senda conecta nos seus extremos con beirarrúas existentes.

Avanzou o remate para este verán da senda entre Laracha e O Cancelo, na AC-552. Estas obras inclúen a construción dun itinerario de 1.960 metros de lonxitude, que permita circular a peóns e ciclistas non deportivos pola marxe esquerda da estrada AC-552 e que comunique os núcleos da Laracha e O Cancelo. En concreto, comprenderá o treito situado entre o punto no que remata a beirarrúa da Laracha e a intersección coa estrada da Deputación da Coruña, que conduce ao lugar do Vilar, no Cancelo, despois de pasar a glorieta do enlace coa autoestrada AG-55.

Menéndez referiuse finalmente á terceira senda que se está a executar tamén na AC-552, no treito Bértoa – Carballo, destacando que a mesma permitirá achegar máis á vila ao polígono industrial, tanto aos seus traballadores como os visitantes.

Francisco Menéndez engadiu que nestas 5 intervencións a consellería mobilizou xa 3,4 millóns de euros en obras de novas sendas peonís e ciclistas nas estradas autonómicas na comarca de Bergantiños, que supoñen case 8 quilómetros de novos itinerarios seguros para modos máis sostibles de desprazamento.

Estas actuacións serán completadas proximamente con dúas novas, unha entre Carballo e Coristanco, tamén na AC-552, e a outra permitira comunicar Laxe- Paseo Marítimo, na AC-429. Ambos proxectos atópanse neste intre en fase de supervisión.

O director concluíu que con estas dúas últimas actuacións previstas pola consellería, o investimento global no eido do plan de sendas de Galicia suporá unha achega de 4,87 millóns de euros nas sendas peonís das estradas autonómicas da comarca de Bergantiños.