Inicio / Noticias / A Xunta destaca que os avances na execución da variante de Aradas, en Santiago, permitirán adiantar o seu remate á primavera do ano 2019
22/03/2018 - 03:07

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2018.- O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, salientou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia que os avances na execución da variante de Aradas, en Santiago, permitirán adiantar o seu remate, previsto inicialmente para xullo de 2019, á primavera dese ano e mesmo ao primeiro trimestre se as circunstancias meteorolóxicas son favorables.

Menéndez explicou que a día de hoxe está executado máis dun 25 % da obra, centrándose os traballos fundamentalmente no movemento de terras, estando aberta xa toda la traza. Concretou que se está a comezar a construción das estruturas, o que garante que se vai cumprir o prazo previsto de 24 meses para a execución das obras, e mesmo adiantar uns meses esa previsión.

A nova vía, cun orzamento duns 6,2 millóns de euros, contará cunha lonxitude próxima a 1,6 Km, cunha sección tipo de 11 m e accesos controlados, polo que está prevista a colocación de cerramento nas dúas marxes para unha maior seguridade viaria.

O trazado comeza cunha rotonda no cruce das estradas de Santa Comba e de Trazo e continúa salvando o río Sarela para ascender ata pasar polo norte do núcleo de Vilares e alcanzando finalmente a cota da vía do Polígono do Tambre, na intersección coas vías Marconi e Nobel, onde empraza unha segunda rotonda.

O obxectivo da variante é desviar o tráfico que procede fundamentalmente da estrada de Santa Comba e ten como destino o polígono do Tambre ou mesmo a AP-9. Esta actuación aliviará o tráfico nas rúas compostelás, ao posibilitar que se retiren de Vite e de Vista Alegre preto de 4.000 vehículos que diariamente circulan por esta zona, a metade deles pesados.

Outras actuacións estratéxicas

O director subliñou o impulso de actuacións estratéxicas na rede viaria de Santiago de Compostela como a ampliación da capacidade da AP-9; a posta en servizo dos túneles do Hórreo e de Conxo; as obras do acceso á Cidade da Cultura e ao Sar e Fontiñas dende a AP-9, a piques de comezar; ou o enlace orbital, no que se está a avanzar.

O Goberno galego tamén está a traballar no proxecto de acondicionamento do Camiño de Santiago ao seu paso polo polígono do Tambre, no marco da mellora das entradas do Camiño na cidade de Compostela, que se van materializar coa vista posta no Xacobeo 2021. Esta actuación complementará a posta en servizo da variante de Aradas, xa que se calmará o tráfico das vías Edison e Pasteur, nos cruces do Camiño.

Francisco Menéndez indicou que a Xunta de Galicia, a través destes proxectos, ten como obxectivo vertebrar de modo axeitado a parte norte da cidade de Santiago de Compostela.