Inicio / Noticias / A Xunta destina 512.000 euros a talas e desbroces nas marxes de cinco estradas autonómicas en nove concellos da provincia
17/04/2020 - 06:31
A Xunta destina 512.000 euros a talas e desbroces nas marxes de cinco estradas autonómicas en nove concellos da provincia

Lugo, 17 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia está a executar labores de retirada de árbores e desbroces nas marxes de cinco estradas da rede autonómica da provincia: O corredor Nadela-Monforte de Lemos, a LU-530 en Castroverde, e na Mariña a VAP da Costa, a LU-540 (Viveiro-Cabreiros) e a LU-862 (Ferrol-San Cibrao).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explica que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina un orzamento de 512.600 a estes traballos, que executa a través dunha encomenda á empresa pública Seaga. Actúa en trece treitos situados nos concellos de Lugo, O Corgo, O Incio, Bóveda, Viveiro, Ourol, Xove, O Vicedo e Castroverde. En total, suman 26,7 quilómetros.

Os traballos están moi avanzandos e neste momento só restan 3,3 quilómetros por limpar, en distintos puntos do Vicedo, Xove e Viveiro nos que se traballa actualmente; desenvólvense simultaneamente tarefas de desbroce nos noiros da VAP da Costa e de tala de árbores nas marxes da LU-862 no límite de provincia.

Os labores consisten na retirada de árbores e arbustos situados nas franxas de dominio público das estrada, fundamentalmente nos taludes. Seleccionáronse os tramos en base á abundancia e características da masa vexetal, co obxectivo de reducir os riscos en caso de incendios e mellorar a seguridade viaria.

Neste sentido, Balseiro explicou que “o efecto cortalumes das estradas depende de que haxa a suficiente distancia entre o arborado de ambas marxes”. Ademais, limpando os noiros de desmonte e terraplén evítase que as árbores poidan caer na calzada en caso de temporal, ademais de mellorar a visibilidade.