Inicio / Noticias / A Xunta destinará o vindeiro ano 60.000 euros a iniciar a construción do novo edificio xudicial da Estrada
01/12/2020 - 12:19
A Xunta destinará o vindeiro ano 60.000 euros a iniciar a construción do novo edificio xudicial da Estrada

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020.- O Vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou hoxe o concello da Estrada, onde indicou que tal e como recollen os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, o Goberno galego destinará 60.000 euros para iniciar os traballos de construción dun novo edificio xudicial neste concello.

Alfonso Rueda, acompañado do alcalde, José Campos e da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitou o solar no que se ubicará o novo edificio xudicial no que serán unificados os dous xulgados da Estrada, o de 1ª Instancia e o de Instrución, que entre ambos, atenden ao partido xudicial da Estrada que abarca unhas 24.000 persoas.

Alfonso Rueda indicou que “é necesario acabar coa dispersión dos Xulgados que había nalgúns concellos de Galicia, como era o caso de Tui que xa conta cun novo edificio xudicial e agora co novo edificio que se fará na Estrada, dando por finalizado así a dispersión xudicial. Agardo que no último trimestre do ano se presente o proxecto definitivo para que de comezo a construción no ano 2022 con todos os órganos unificados, un compromiso cumprido coa Estrada e con todos os concellos que tiñan separadas as unidades xudiciais”, rematou.

A Xunta investiu nos últimos anos máis de 115 millóns de euros no Plan de infraestruturas xudiciais e seguirá investindo naquelas obras que sexan necesarias, como o caso da Estrada. Un Plan que hoxe permite contar con sedes xudiciais novas ou renovadas nas principais cidades galegas acompañado tamén da realización de obras menores para mellorar outros xulgados, alí onde fose necesario.

A Administración de Xustiza é a partida orzamentaria con máis dotación económica para 2021 da Vicepresidencia primeira, máis de 164 millóns, un 4,4% máis que este ano. Un investimento que se destina tamén a recursos da Amtega para a modernización, para a creación de novas prazas de persoal para os novos xulgados que se porán en marcha cando o Estado aprobe o decreto correspondente, para o incremento correspondente á traxectoria profesional do persoal da Administración de Xustiza e para a dotación de persoal de reforzo dentro do Plan para axilizar a actividade xudicial tras a crise do coronavirus.