Inicio / Noticias / A Xunta e Audasa supervisan os labores de xestión de biomasa para a prevención de incendios na autoestrada do Atlántico
09/06/2020 - 12:19
A Xunta e Audasa supervisan os labores de xestión de biomasa para a prevención de incendios na autoestrada do Atlántico

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020.- O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, reuniuse con responsables de Audasa -concesionaria da autoestrada do Atlántico- para avaliar os traballos de roza e prevención de incendios por parte desta empresa nesta vía de comunicación. De acordo coa normativa vixente, a Audasa correspóndelle a xestión da biomasa na faixa primaria da autoestrada, como parte dos labores preventivos para acadar unha efectiva anticipación diante dos lumes forestais.

Na xuntanza analizouse o compromiso da empresa no cumprimento destas obrigas e avanzouse tamén na posibilidade de concretar o seu contido e alcance mediante un convenio específico no marco da Lei de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.

O obxectivo desta medida sería o de optimizar o esforzo de xestión, dándolle prioridade no tempo ás actuacións nas zonas do trazado de maior risco de incendios forestais e tendo en conta que este ano, pola emerxencia sanitaria, a Xunta acordou prorrogar o prazo legal para cumprir con estas obrigas ata o vindeiro día 16 de xullo.

Plan da Xunta

Este encontro de traballo lévase a cabo no contexto das actuacións que impulsa a Xunta para previr os incendios forestais e que se concretan, este ano, nun plan que suporá o investimento de 30,5 millóns de euros. Nesta planificación recóllense, fundamentalmente, accións sobre o territorio, consistentes en traballos silvícolas preventivos, na creación e mellora de infraestruturas de defensa e en intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións que redunden nun incremento do valor do monte.

Entre outras magnitudes que contempla o plan, salientan as case 46.000 hectáreas nas que se intervirá, de xeito conxunto, mediante diferentes tipos de traballos silvícolas, así como a actuación en preto de 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación repartidas por toda Galicia.

Desta forma, levaranse a cabo labores relacionados coa creación e mellora de devasas e faixas auxiliares, coa mellora e mantemento de pistas no monte ou coa eliminación de residuos forestais. Así mesmo, supervisarase o estado dos puntos de auga e faranse labores de roza mecanizada arrastrada, roza manual e roza mecanizada de brazo.

As actuacións recollidas neste plan realizaranse por unha banda en montes e terreos forestais e, por outra, nas faixas secundarias de xestión de biomasa, as dos 50 metros de terreo rústico máis próximas ás vivendas. Todo isto, de acordo coas obrigas establecidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.