Inicio / Noticias / A Xunta e A Estrada asinan o primeiro convenio para a centralización das oposicións da Policía Local
09/02/2018 - 02:33
A Xunta e A Estrada asinan o primeiro convenio para a centralización das oposicións da Policía Local

A Estrada, 9 de febreiro de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co alcalde da Estrada, José López Campos, o primeiro convenio de adhesión dun concello ao proceso de centralización das oposicións da Policía Local na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

A través deste convenio, o concello delega na Xunta a competencia para convocar e seleccionar as prazas de policía local e auxiliar de policía local deste concello, logo de ter sido aprobado polo pleno municipal.

Incluíndo á Estrada, un total de 17 concellos xa ratificaron esta delegación nos seus respectivos plenos: Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Narón, Ponteareas, Sarria, Negreira, A Estrada, Vilaboa, Rianxo, A Guarda, Fene, Valdoviño, Cariño, Carballo, Ordes e Sanxenxo. A previsión da Xunta é que máis concellos se vaian sumando a esta iniciativa en próximas datas.

Os prazos seguen o calendario establecido. A convocatoria para a selección de auxiliares de policía local publicarase a partir do mes de marzo, e a de policías locais a partir de abril. Logo do proceso de selección, comezarán os cursos de formación na propia AGASP.

A centralización das oposicións da policía local -para aqueles concellos que así o decidan voluntariamente- responde a unha demanda histórica dos propios concellos e nace froito do diálogo e colaboración coas entidades locais. Así, o decreto que regula este proceso (o 115/2017 de 17 de novembro) foi aprobado en consenso coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coas principais entidades e asociacións implicadas.

Esta iniciativa ofrece diversas vantaxes aos concellos e aos propios axentes: un salto cualitativo na profesionalización; unha mellora na cobertura de vacantes; un calendario único e coñecido para os aspirantes; ou unha lista de contratación de auxiliares. Así, os potenciais beneficiarios desta medida son os 130 concellos que contan con Policía Local, todos os concellos que contratan auxiliares, os propios axentes e aspirantes, e a cidadanía no seu conxunto.

Cómpre destacar, ademais, que con esta centralización dáse un paso máis na consolidación da AGASP como o centro neurálxico da seguridade e das emerxencias de Galicia.