Inicio / Noticias / A Xunta e o Concello da Coruña comprométense a avanzar cos accesos e as expropiacións necesarias para o Novo Chuac
04/10/2022 - 11:33
A Xunta e o Concello da Coruña comprométense a avanzar cos accesos e as expropiacións necesarias para o Novo Chuac

A Coruña,4 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, comprometéronse a avanzar cos accesos e as expropiacións necesarias para a construción do Novo Chuac, un dos investimentos máis ambiciosos para os vindeiros anos e que neste exercicio conta xa coas partidas necesarias para a reforma interior da infraestrutura sanitaria e para a axilización das obras do edificio polivalente que substituirá ao hotel de pacientes.

O titular do Goberno galego mantivo hoxe unha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, coa que deu inicio á rolda de encontros cos rexedores das cidades galegas. Rueda valorou de xeito positivo a disposición de rexedora herculina para chegar a acordos en beneficio dos habitantes da cidade. “Dialogar sempre é produtivo”, subliñou o mandatario galego.

Inés Rey e Alfonso Rueda abordaron diferentes asuntos de interese para a cidade, entre os que destacaron as inversións sanitarias e outros proxectos que teñen como obxectivo mellorar as instalacións deportivas e educativas do municipio, así como afianzar a posición da cidade no eido cultural.

Un paradigma nas infraestruturas sanitarias

Rueda recordou que a construción do Novo Chuac é un dos investimentos máis grandes que ten previsto a Xunta en toda Galicia para os vindeiros anos, con máis de 500 millóns estimados para modernizar as instalacións, incrementar nun 15% o número de camas e nun 50% o de cuartos individuais, duplicar o tamaño de Urxencias e poñer a disposición de profesionais e usuarios 2.600 novas prazas de aparcamento.

As partidas que corresponden á Xunta para este ano están mobilizadas, subliñou o presidente do Goberno galego, cun investimento de 13 millóns de euros para a reforma interior do complexo e 35 millóns máis para o proxecto do edificio polivalente.

Tamén no eido das infraestruturas sanitarias, o titular do Executivo autonómico e a rexedora coruñesa destacaron os avances para a construción do centro de saúde de Santa Lucía. A alcaldesa avanzoulle que a primeira semana de novembro lanzarase o concurso de ideas para a rehabilitación do edificio do mercado, paso imprescindible para seguir avanzando cara á nova instalación sanitaria.

Unha cidade para a cultura 

Rueda puxo en valor os avances en materia cultural para facer da Coruña unha cidade referencial nese eido, e comprometeu a colaboración da Xunta cara a ese obxectivo. Con esa finalidade acordou coa alcaldesa actualizar a achega anual da Xunta á Orquestra Sinfónica de Galicia, que nos 30 anos de vida supera un acumulado de 30 millóns de euros.

En segundo lugar, integrando á Coruña na celebración do Ano Picasso coa posta en marcha da exposición Picasso, branco no recordo azul que acollerá o Museo de Belas Artes da cidade. A maiores, Alfonso Rueda e Inés Rey acordaron desenvolver unha programación conxunta e complementaria para a celebración do 50 cabodano do artista malagueño, que tan vencellado estivo á cidade herculina.

No eido turístico, o presidente da Xunta valorou de xeito moi positivo o acordo para perfilar o convenio co que se porá en marcha o primeiro albergue de peregrinos na cidade da Coruña, pola que pasa o Camiño Inglés. Unha vez acordada a demolición do edificio da antiga Comandancia de Obras, no ano 2023 a Xunta poderá licitar a obra e iniciar a execución do novo albergue nese mesmo ano.

O mandatario do Goberno galego e a alcaldesa da cidade herculina avanzaron tamén na mellora das instalacións deportivas da cidade. O presidente anuncioulle que se levarán a cabo obras nos tres complexos deportivos autonómicos da Coruña —Agra I, Elviña I e A Sardiñeira— por valor de máis de 5 millóns de euros. Do mesmo xeito, tamén explicou que no que se refire aos edificios educativos, a Xunta ten comprometidos 8 millóns de euros en previsións, en trámite ou en proxectos que xa están en marcha.