Inicio / Noticias / A Xunta e o Concello de Santiago constatan que o avance con seguridade das obras da estación intermodal garante que estará rematada e ao servizo do turismo antes do Xacobeo 2021
20/04/2020 - 03:35
A Xunta e o Concello de Santiago constatan que o avance con seguridade das obras da estación intermodal garante que estará rematada e ao servizo do turismo antes do Xacobeo 2021

Santiago, 20 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago constatan que o avance con seguridade das obras da estación intermodal garante que estará rematada e ao servizo do turismo antes do Xacobeo 2021.A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantiveron hoxe unha videoconferencia co equipo responsable das obras en execución na estación intermodal, para supervisar o seu desenvolvemento e as medidas de prevención da saúde adoptadas con motivo do COVID-19.Nesta xuntanza, na que tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, abordouse o reinicio a semana pasada destas obras tras a interrupción motivada polo cese xeral das actividades non esenciais.Vázquez Mourelle subliñou que a prioridade absoluta da Xunta segue a ser a protección da saúde, para o que se está a velar por que as obras públicas se executen con todas as medidas de seguridade necesarias para evitar contaxios.A este respecto, na reunión confirmouse que os traballos se están a desenvolver coas medidas axeitadas, é dicir, mantendo as distancias de seguridade, con material de protección e o reforzo da hixiene.No que se refire ao avance do proxecto, a conselleira indicou que a execución da estación de autobuses anexa á terminal de ferrocarril xa se atopa por riba do 60%, o que permitirá manter a previsión de remate para o verán.Tamén precisou que a execución da pasarela de conexión entre terminais, que servirá para unir tamén os barrios do Ensanche e de Pontepedriña, se sitúa en torno ao 15%. Engadiu que esta semana está previsto iniciar os traballos máis importantes, coa montaxe da estrutura metálica e colocación dos piares.Pola súa banda, o Concello de Santiago informou do reinicio da obra dos accesos á estación de autobuses desde a avenida de Clara Campoamor.Ademais, a Xunta, o Concello e Adif acordaron manter unha reunión técnica para abordar a fórmula concreta para o "desembarco" da pasarela na rúa do Hórreo e a súa articulación coas liñas de transporte metropolitano.A responsable de Infraestruturas destacou que o reinicio destas obras supón manter activo un investimento público de preto de 16 millóns de euros, dos que 12 os achega a Xunta.Salientou que este proxecto prepara a comunidade para afrontar o futuro en mellores condicións, pois o Xacobeo 2021 debe ser un motor da recuperación da economía e do emprego, que están a sufrir un impacto por mor da situación do COVID-19.O Goberno galego e o Concello de Santiago coinciden en que a estación intermodal é unha infraestrutura estratéxica para dinamizar o turismo, reforzar o atractivo da cidade e potenciar a actividade económica e social na cidade de Compostela.