Inicio / Noticias / A Xunta e o Concello garanten traballo conxunto para que Santiago de Compostela teña canto antes a mellor estación intermodal, dotada cos accesos axeitados
17/07/2019 - 06:08

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago garantiron hoxe traballo conxunto para que Compostela teña canto antes a mellor estación intermodal e para que esta estea dotada dos accesos axetiados. Así o trasladaron hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, tras a xuntanza que mantiveron para abordar os asuntos de interese compartido.

Tanto a conselleria como o alcalde coindiron en sinalar o ton de cordialidade que marcou a xuntanza, que ambos sinalaron como “intensa” e “produtiva”, tanto pola cantidade de asuntos que abordaron na mesma como pola constatación da vontade compartida de colaborar no seu desenvolvemento.

Ethel Vázquez destacou que a Consellería de Infraestruturas ten en marcha moitos proxectos destinados a preparar a cidade de Santiago de Compostela para albergar o Xacobeo 2021 e referiuse de forma destacada á estación intermodal.

A ese respecto, destacou que a Xunta está a desenvolver actualmente as únicas obras en marcha, un investimento total de 16 millóns de euros na construción dunha nova estación de autobuses anexa á de ferrocarril e unha pasarela peonil para conectar ambas as dúas, desde a rúa do Hórreo ata a avenida de Clara Campoamor. Estes elementos, que estará concluídos a mediados de 2020 garantirán xa a intermodalidade do transporte en Santiago de Compostela.

Xunto con isto, a conselleira sinalou a necesidade de traballar no resto de elementos que conforman o gran proxecto da estación intermodal, como son os accesos á nova terminal de autobuses e a reforma da estación ferroviaria.

En relación co primeiro deses aspectos, Ethel Vázquez agradeceu que a nova corporación municipal decidise revisar a proposta de accesos desde a avenida Clara Campoamor que formulara o anterior goberno de Santiago e asumise, ademais, o reto de culminalos no prazo necesario para garantir a funcionalidade da estación de autobuses.

Con respecto á reforma da terminal ferroviaria, tanto a conselleria como o alcalde manifestaron a súa postura a favor de que Adif dea a coñecer o proxecto básico que está a redactar e na importancia de eliminar o limiar de 3,5 millóns de viaxeiros que se estableceu para executar esas obras.

Ambos os dous confirmaron que, en adiante, todo o relativo á estación intermodal de Santiago será abordado en reunións nas que participen as tres administracións implicadas.

En relación coa estratexia que a Xunta está a desenvolver, en colaboración co Concello, para mellorar as entradas dos Camiños de Santiago en Compostela, a conselleira lembrou que se trata de actuar en 9 ámbitos da cidade a través dun investimento de 12 millóns de euros.

Ethel Vázquez informoulle ao alcalde de que proximamente se iniciará a contratación das obras de reforma da avenidade de Lugo e do Cruce dos Concheiros, unha das actuacións de maior alcance das proxectadas.

Transporte público

A conselleria e o alcalde compostelán abordaron tamén na xuntanza o transporte público e acordaron colaborar para que a renovación das liñas de autobús interurbana que está a impulsar a Xunta sirva, tamén, para mellorar o funcionamento destes servizos dentro da cidade de Santiago. Así, continuará o traballo administrativo iniciado para facer posible que determinadas liñas, como a que conecta o centro da cidade co aeroporto, pasen a ser urbana e xestionada polo Concello.

Finalmente, coincidiron, tamén, na necesidade de recupera o tempo para impulsar a depuración das augas residuais de Santiago de Compostela, un proxecto para o que a conselleira garantiu a máxima colaboración da Xunta de Galicia, que considera este un asunto prioritario.