Inicio / Noticias / A Xunta e Stop Accidentes asinan o convenio de colaboración para fomentar a cultura da seguridade viaria entre os escolares e as persoas maiores, usuarios vulnerables das estradas
11/03/2020 - 02:47
A Xunta e Stop Accidentes asinan o convenio de colaboración para fomentar a cultura da seguridade viaria entre os escolares e as persoas maiores, usuarios vulnerables das estradas

A Coruña, 11 de marzo de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe un convenio de colaboración coa representante da Asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, para fomentar a cultura da seguridade viaria entre os escolares e as persoas maiores, usuarios vulnerables das estradas.

Este convenio, autorizado polo Consello da Xunta a semana pasada, define o desenvolvemento de actuacións concretas dirixidas a Incrementar a seguridade viaria nas estradas e a promover unha mobilidade máis segura e inclusiva.

Segundo recolle o acordo, Stop Accidentes desenvolverá, ao longo deste ano e o próximo, unha serie de medidas específicas para reforzar a seguridade nas estradas, medidas que serán apoiadas co financiamento da Xunta a través da achega de 95.000 euros.

Trátase de catro actuacións que se compromete a levar a cabo Stop Accidentes para contribuír á mellora da seguridade nas estradas e favorecer desprazamentos máis seguros.

A primeira intervención centrarase na mellora da seguridade na contorna do CEIP Santo André de Xeve, en Pontevedra, coa execución dunha senda entre A Piolla, O Couso e O Sobral, na estrada PO-223.

Neste caso, Stop Accidentes impulsará un diagnóstico e o seguimento, tanto da redacción do proxecto como da execución das obras, de cara a favorecer desprazamentos máis seguros no contorno do centro. Buscarase a implicación e a participación da comunidade escolar no desenvolvemento dese proxecto.

A Axencia Galega de Infraestruturas colaborará no financiamento da actuación achegando 25.000€ euros e poñendo os medios técnicos para a redacción do proxecto e o desenvolvemento das obras.

A segunda actuación que recolle o convenio é o desenvolvemento de proxectos piloto para acadar un contorno seguro en dous equipamentos de xente maior, en centros de día ou residencias de maiores do ámbito rural.

Para isto, Stop Accidentes elaborará e redactará os proxectos e a Xunta achegará 30.000 € a esa actuación e prestará asesoramento sobre a viabilidade das propostas que se formulen.

O terceiro proxecto a desenvolver por Stop Accidentes é a redacción dun manual de seguridade viaria e boas prácticas dirixido aos usuarios do transporte escolar, tanto aos alumnos, como aos acompañantes ou aos pais. Este manual, que será didáctico, claro e ameno será financiado a través da Dirección Xeral de Mobilidade, cunha achega de 20.000 euros.

O cuarto eixo da colaboración céntrase na realización de 100 talleres en colexios e centros de maiores das 4 provincias, para concienciar a estes colectivos sobre pautas de mobilidade segura.

Neste caso, o Goberno galego achegará 20.000 euros e Stop Accidentes difundirá o documento de boas prácticas con accións de carácter socio-educativo que fomenten unha mobilidade segura, inclusiva e saudable.