Inicio / Noticias / A Xunta executa obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-445, no treito coincidente co camiño de Fisterra, no concello de Cee
11/09/2021 - 14:28
A Xunta executa obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-445, no treito coincidente co camiño de Fisterra, no concello de Cee

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2021.- A Xunta está a executar obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-445, no treito coincidente co Camiño de Fisterra, ao paso polo concello de Cee.

Os traballos, que supoñen un investimento de preto de 5.000 euros, céntranse na sinalización de dous cruzamentos da vía autonómica nos puntos quilométricos 6+360 e 6+620, executándose, ademais, no segundo deles un treito de senda de 10 metros de lonxitude. Trátase de actuacións deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos. Estas intervencións inclúen a mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

No marco destas intervencións, o departamento que dirixe Ethel Vázquez desenvolverá un total de 11 actuacións de mellora da seguridade viaria en 6 estradas da Xunta no Camiño de Fisterra ao seu paso por 8 concellos, que suporán un investimento conxunto de máis de 200.000 euros.

Máis en concreto, nesta estrada AC-445 xa se levaron a cabo actuacións en Corcubión, onde se habilitou un pequeno itinerario para os peregrinos, e no concello de Fisterra, nun tramo de 400 metros que discorre paralelo á praia de Talón. Tamén nesta vía que que une Fisterra e Cee, desenvolvéronse estes traballos de mellora de seguridade viaria no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+500 e 4+820, ao paso polos concellos de Cee e de Corcubión.

Estas obras están incluídas nas 70 actuacións que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.