Inicio / Noticias / A Xunta executará este ano a mellora da estrada LU-151 entre Fazouro e San Acisclo, cun orzamento de 600.000 euros
22/02/2019 - 07:01

Foz (Lugo), 22 de febreiro de 2019.- A Xunta de Galicia executará este ano a mellora da estrada LU-151 entre Fazouro e San Acisclo, no municipio de Foz, para a que destina un orzamento próximo aos 600.000 euros.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, acudiu hoxe ao concello para presentar o proxecto técnico –que xa está elaborado- xunto co alcalde da localidade, Javier Jorge Castiñeira e técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). Alí avanzou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará e adxudicará a actuación nos vindeiros meses, coa previsión de facer as obras neste mesmo ano.

O proxecto suporá actuar en oito quilómetros, isto é a totalidade do percorrido da estrada entre o final da travesía de Fazouro e San Acisclo. As obras implicarán o acondicionamento de todo o treito, mediante a execución dunha nova capa de rodaxe en mestura bituminosa en quente, da que carece actualmente a calzada (mellorará substancialmente a vía actual construída en rego con grava)

Balseiro salientou que se trata dunha intervención necesaria, “demandada polo Concello e liderada polo alcalde” e tamén polos veciños e veciñas. O delegado destacou que contribuirá a mellorar unha estrada “vertebradora, usada tanto para desprazamentos interiores neste municipio como para as comunicacións doutros concellos coa franxa costeira e mesmo co hospital público da Mariña”.

Nese sentido, o delegado subliñou que esta actuación reflicte a aposta do Executivo autonómico “por esta comarca e polos seus veciños e veciñas, e pola mellora das infraestruturas para garantir a seguridade viaria e favorecer a calidade de vida dos cidadáns”.