Inicio / Noticias / A Xunta executará obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-543 ao seu paso polo concello de Brión
22/09/2022 - 13:23

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-543 ao seu paso polo concello de Brión.

 

As obras foron adxudicadas á empresa CANARGA S.L. por un importe de preto de 50.000 euros e comezarán nas vindeiras semanas.

 

Con esta actuación rehabilitarase o firme desta estrada autonómica para eliminación do tramo de concentración de accidentes situado no entorno da rotonda do punto quilométrico 9+300 da AC-543.

 

Trátase de mellorar o comportamento do firme da estrada fronte ao deslizamento, para o que a intervención ocúpase da mellora das características superficiais do firme nesta zona da vía autonómica, mediante o fresado de 5 centímetros de profundidade da capa de rodaxe, así como a reposición da capa de rodaxe con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente.

 

Todos estes traballos de  fresado e de reposición de firme levaranse a cabo no ancho completo dos carrís, tanto dos da glorieta como dos que acceden a ela desde a AC-304 e a AC-543.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.