Inicio / Noticias / A Xunta explica na Estrada o seu labor para modernizar e incrementar o comercio de proximidade en Galicia
09/03/2018 - 07:07
A Xunta explica na Estrada o seu labor para modernizar e incrementar o comercio de proximidade en Galicia

A Estrada (Pontevedra), 9 de marzo de 2018.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, asistiu hoxe á inauguración da triplo cita que terá lugar desde hoxe e ata o domingo no recinto feiral da Estrada: a 55ª Feira de Antigüidades e Artesanía, a 8º de Oportunidades do Comercio e o 3º Salón do Vehículo de Ocasión. Puxo en valor no acto a implicación dos comerciantes para dinamizar e impulsar o comercio de proximidade a través desta iniciativa, organizada pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada e apoiada pola Xunta, que permite visibilizar o labor diario do sector.

Vázquez Abeal explicou que a Xunta traballa tamén para modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego a través do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

Dentro desta estratexia, destacou o respaldo ao asociacionismo comercial, subliñando que a Consellería de Economía e Emprego apoiou o pasado ano ao Centro Comercial Aberto da Estrada con máis de 40.000 euros.

As axudas que a Xunta concede neste eido permiten, entre outros, realizar diferentes campañas de dinamización, incorporar sistemas de fidelización ou realizar melloras na sinalización comercial externa, e, no caso das asociacións das prazas de abastos, tamén melloras en instalacións e equipamentos. Pola súa banda, os apoios á incentivación do consumo, a través do tícket de dinamización, están dirixidos a impulsar o consumo levado a cabo polas asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións, a través de campañas de dinamización ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas.

O recinto feiral da Estrada estará aberto, ademais desta tarde, o sábado e o domingo en horario continuo de 10.00 a 21.00 horas. O Salón do Vehículo de Ocasión contará con 11 firmas e 300 vehículos, incluíndo este ano a empresas de fóra do municipio. O outlet do comercio contará con 30 tendas de diversos sectores. Pola súa parte, a Feira de Antigüidades e Artesanía inclúe 30 expositores. A entrada terá un prezo dun euro, sendo o acceso válido para todos os día que dura a feira.