Inicio / Noticias / A Xunta finaliza a mellora da estrada LU-933 entre o núcleo urbano de Monforte de Lemos e Chavaga, á que destinou 336.000 euros
03/12/2020 - 03:37
A Xunta finaliza a mellora da estrada LU-933 entre o núcleo urbano de Monforte de Lemos e Chavaga, á que destinou 336.000 euros

Monforte de Lemos (Lugo), 3 de decembro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de mellora do firme que executou durante os últimos dous meses na estrada LU-933 en Monforte de Lemos, entre o núcleo urbano e a parroquia de Chavaga.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto con persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), comprobou hoxe o resultado da actuación, que supuxo a mellora de 6,7 quilómetros da vía cun investimento de 336.400 euros.

A intervención consistiu na rehabilitación do pavimento deste treito da LU-933, entre os puntos quilométricos 2,060 e 8,820, mediante a execución de fresados e a extensión dunha nova capa de rodaxe con mestura asfáltica en quente en toda a calzada. A actuación completouse coa renovación da sinalización horizontal e o balizamento da estrada. Na travesía da localidade acondicionáronse dous pasos de peóns e fíxose un novo para reforzar a seguridade.

Arias lembrou que estes traballos forman parte do contrato das obras de mellora do firme en tres estradas que vertebran as comunicacións con Monforte de Lemos, cun investimento autonómico de máis dun millón de euros.

A dispoñibilidade de orzamento asignado a este contrato permitiu ampliar o proxecto inicial de acondicionamento da estrada entre Monforte e Bascós e engadir outros 2,3 quilómetros para continuar coas melloras ata Chavaga. Con esta intervención, subliñou o delegado, “refórzase a seguridade viaria e facilítase a mobilidade dos veciños e veciñas desta contorna”.