Inicio / Noticias / A Xunta financia a mellora da estrada que comunica as localidades de Santalla (O Corgo) e Trasliste (Láncara)
26/07/2019 - 06:18
A Xunta financia a mellora da estrada que comunica as localidades de Santalla (O Corgo) e Trasliste (Láncara)

O Corgo (Lugo), 26 de xullo de 2019.- A Vicepresidencia da Xunta e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financia un proxecto conxunto para a mellora da estrada que une as localidades de Santalla e Trasliste, nos municipios do Corgo e de Láncara respectivamente.

A iniciativa, que conta cun custe global de 61.200 euros, está financiada nun 70% con cargo ao orde de mellora de infraestruturas públicas, que cada ano convoca a Xunta de Galicia precisamente para apoiar proxectos de acondicionamento de vías e outros espazos públicos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado dos alcaldes dos respectivos municipios, presentou esta mañá o proxecto da obra que se atopa pendente de formalización, pois os traballos xa están adxudicados á empresa Bascuas.

As actuacións prolongarase en case dous quilómetros desta vía e na totalidade do ancho da calzada (de 4 metros), así como nas beiravías. Inicialmente acometeranse obras de reparación do firme con dobre rega, para despois reforzar a capa de rodaxe cun aglomerado en quente de mestura bituminosa.

Entre os traballos complementarios está prevista a limpeza das beiravías e a disposición dun novo perfilado en forma de 'V' e obras de entubado naqueles treitos ou espazos nos que sexa preciso.

O delegado puxo en valor estas liñas de colaboración entre administracións, que permiten levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns, en particular, aos veciños e usuarios desta vía que serve de nexo de unión entre as parroquias destes dous municipios lugueses.

Balseiro dixo tamén que a mellora das estradas de comunicación no rural, contribúen a atender as necesidades dos habitantes e das empresas alí emprazadas e, moi en particular, a garantir un máis axeitado acceso a todas as parcelas de uso agrícola, gandeiro e forestais da zona.