Inicio / Noticias / A Xunta fomenta a seguridade viaria no traballo con obradoiros prácticos e un simulador para previr os riscos nas estradas

A Xunta fomenta a seguridade viaria no traballo con obradoiros prácticos e un simulador para previr os riscos nas estradas

12/11/2017 - 12:29

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2017.- A Xunta, en colaboración coa mutua Asepeyo, está fomentando a seguridade viaria no traballo con diversos obradoiros prácticos que se están desenvolvendo por todos os centros do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). A iniciativa, que estará a próxima semana no centro de Pontevedra, emprazado en Rande, inclúe o uso dun simulador de alta inmersión, que permite observar riscos nas vías incrementando, polo tanto, a seguridade na condución. O taller terá lugar os días 14, 15 e 16 en horario de 09,15 a 13,30 horas.

Deste xeito, empresarios, directivos e persoal técnico das empresas dedicadas á prevención de riscos terán a oportunidade de experimentar cun simulador que recrear todo tipo de situacións, permite coñecer os conceptos básicos de seguridade viaria e as distintas situacións que se poden atopar, permitindo avaliar as habilidades dos condutores. Os participantes poderán conducir en diferentes escenarios: cunhas condicións meteorolóxicas adversas, somnolencia e mesmo en estado de embriaguez. Isto contribúe a que os condutores sexan máis conscientes dos perigos durante os desprazamentos e poidan transmitilo aos seus empregados ou compañeiros de traballo.

O obxectivo da iniciativa é expandir a cultura preventiva e difundir que a seguridade e a prevención deben ser valores arraigados en todos os ámbitos da sociedade. Do que se trata é de poñer freo aos accidentes viarios no traballo, sensibilizando sobre a importancia de garantir que os desprazamentos dos traballadores sexan o máis seguros posible.

Estes obradoiros forman parte da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 que a Xunta, a través do ISSGA, e, en colaboración cos axentes sociais, está executando para loitar contra a sinistralidade e mellorar a saúde no traballo.

A Estratexia inclúe 163 medidas e entre os obxectivos destacan a mellora da eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.