Inicio / Noticias / A Xunta informa ao ministerio de Fomento e ao concello de Santiago dos progresos na execución da primeira fase da estación intermodal da cidade
05/11/2018 - 08:25

Madrid, 5 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia informou hoxe ao Ministerio de Fomento e ao Concello de Santiago sobre os progresos na execución da primeira fase da estación intermodal da cidade, composta pola nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril e a pasarela de interconexión entre ambas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, reuníronse hoxe en Madrid coa presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, para abordar esta infraestrutura.

Na xuntanza, os representantes do Goberno galego informaron de que as obras da nova estación de autobuses están a avanzar conforme o previsto, ao igual que o proceso de contratación da pasarela entre terminais. Sobre este último elemento, deuse conta de que hoxe mesmo remata o prazo para a presentación das ofertas para a súa construción, cuxo inicio está previsto no primeiro trimestre de 2019.

As tres administracións abordaron na xuntanza aspectos técnicos sobre os proxectos cuxa execución asume a Xunta de Galicia e que no caso da pasarela cofinancian as tres partes en iguais porcentaxes.

O Goberno galego manifestou, ademais, as súas consideracións sobre o proxecto dos accesos á nova terminal de autobuses que elabora o Concello e solicitou a Adif que estableza unha previsión de prazos sobre a súa actuación de reforma da estación ferroviaria.

Ademais, a Xunta pediu que o proxecto previsto para a terminal de ferrocarril garanta o mantemento da escalinata histórica da estación.

A estación de autobuses e a pasarela de interconexión entre terminais conforman a primeira fase da estación intermodal de Santiago. Tendo en conta os 10,4 millóns nos que foi licitada a estación de autobuses e co cofinanciamento das obras da pasarela, a achega da Xunta á intermodal de Santiago superará os 12 millóns de euros, contribuíndo a desenvolver todo o potencial que suporá a chegada do AVE a Galicia, e estender os seus beneficios máis alá das grandes cidades, xa que os cidadáns que cheguen a Compostela en autobús terán un acceso moito máis áxil e cómodo ao ferrocarril.