Inicio / Noticias / A Xunta inicia a construción dunha senda peonil no lugar de Nogueiras, no Concello de Abegondo, cun investimento de case 47.000 euros
11/04/2019 - 13:39

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar a construción dunha senda peonil na estrada AC-542, no lugar de Nogueiras, no Concello de Abegondo, cun investimento de case 47.000 euros.

Esta actuación, adxudicada á empresa Canarga, ten un prazo de execución duns dous meses aproximadamente.

Os traballos consistirán na execución dunha senda de 390 metros de lonxitude na marxe esquerda da estrada que conecta Betanzos e Mesón do Vento (AC-542), que se separará da calzada mediante unha cuneta para a recollida das augas de drenaxe.

O itinerario ten como obxectivo dotar a citada estrada autonómica dunha infraestrutura axeitada para o tránsito peonil seguro e sustentable.

O proxecto está enmarcado nun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Abegondo, que foi asinado en xaneiro. Este acordo establece que á Axencia Galega de Infraestruturas lle corresponden a contratación e a execución dos traballos e a Administración local será responsable da cesión dos terreos necesarios e asumirá a titularidade da senda unha vez executada.