Inicio / Noticias / A Xunta inicia en Maceda as obras de mellora de máis de 10 quilómetros da estrada autonómica LU-546 entre O Corgo e Lugo
29/07/2021 - 03:33
A Xunta inicia en Maceda as obras de mellora de máis de 10 quilómetros da estrada autonómica LU-546 entre O Corgo e Lugo

Lugo, 29 de xullo de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de reforzo do firme na estrada LU-546 (Nadela-Monforte de Lemos), que se levarán a cabo nun treito de 10,6 quilómetros entre Nadela (Lugo) e Maceda (O Corgo) e tamén na travesía de Sarria, onde se actuará en case un quilómetro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que Administración autonómica destina un orzamento de 647.000 euros a estes traballos, que teñen un prazo de execución estimado de seis meses.

Arias acudiu a Maceda acompañado por persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para comprobar o inicio das obras, que consistirán na realización de fresados localizados e a reposición do firme con mestura bituminosa en quente a carril completo.

Na localidade sarriá renovarase a calzada en toda a lonxitude da travesía, co estendido dunha nova capa de rodaxe. Posteriormente instalarase nova sinalización horizontal en todas as zonas acondicionadas.

O delegado lembrou que a Xunta dálles continuidade así ás melloras que foron executadas hai poucos meses noutros 10,7 quilómetros desta mesma vía ao seu paso polos municipios do Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria.

Así mesmo, apuntou que a nova intervención está incluída nun proxecto de reforzo do firme en tres estradas autonómicas que inclúe tamén melloras na LU-636 e na LU-741, cun investimento global de 1,7 millóns de euros.