Inicio / Noticias / A Xunta inicia esta semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da autovía Ferrol-Vilalba ao seu paso polo concello das Pontes
12/10/2020 - 04:30
A Xunta inicia esta semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da autovía Ferrol-Vilalba ao seu paso polo concello das Pontes

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2020.- A Xunta comeza esta semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo municipio das Pontes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de máis de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Ao tempo, continúan os traballos iniciados a pasada semana na vía de alta capacidade GC-1.5, ao seu paso polo municipio de Noia.

En paralelo, seguirán as tarefas en marcha na vía de alta capacidade CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na estrada LU-862, entre O Vicedo e Viveiro.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.