Inicio / Noticias / A Xunta inicia este luns a execución dunha senda peonil na estrada OU-113 ao seu paso polo núcleo rural de Soutelo Verde, en Laza, cun investimento de 48.000 euros
04/08/2019 - 13:47

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia este luns a execución dunha senda peonil na estrada OU-113 ao seu paso polo núcleo rural de Soutelo Verde, no concello de Laza, cun investimento autonómico de 48.000 euros.

Esta intervención do departamento de Infraestruturas e Mobilidade, que se impulsa en base a memoria elaborada polo Concello ourensán, foi adxudicada á empresa Petrolam Infraestructuras, O prazo de execución das obras é de 2 meses, a contar desde o inicio das mesmas.

Esta actuación ten como obxectivo o acondicionamento da estrada e a mellora da mobilidade dos peóns, para o que as obras darán solución á falta de continuidade das beirarrúas actuais neste núcleo de poboación.

Segundo o proxecto previsto, na intervención na OU-113 levarase a cabo unha reestruturación desta vía, e se executará na marxe esquerda unha senda peonil, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 22+000 e 22+260.

Deste xeito as obras, consistirán na ampliación do carril de dita marxe esquerda ata os 3 metros e formarase unha beiravía de 0,5 m de ancho. A nova senda, na marxe esquerda da estrada, contará cun ancho mínimo de 2 metros.

Cómpre lembrar que esta actuación se enmarca na estratexia deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta para a promoción de contornos seguros, fomento da mobilidade sustentable e a mellora da accesibilidade e calidade de vida da cidadanía.

A Consellería, mediante este tipo de actuacións, busca dotar os concellos de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe para facilitar os desprazamentos cotiáns dos veciños.