Inicio / Noticias / A Xunta inicia hoxe o procedemento de participación pública no trámite ambiental para a mellora da estrada entre Folgoso e Seoane do Courel
09/04/2019 - 05:12

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2019.- A Xunta inicia hoxe o procedemento de participación pública no trámite ambiental do proxecto de mellora da estrada Quiroga- Seoane (LU-651), no treito entre a saída de Folgoso e Seoane do Courel.

As administracións públicas afectadas e as persoas interesadas poden formular as observacións de carácter ambiental que estimen oportunas nun prazo de 30 días dende hoxe.

No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a este procedemento: https://bit.ly/2GcKJIG

O proxecto, cun orzamento estimado en case 10 millóns de euros, ten como obxectivo o acondicionamento da estrada LU-651, no tramo comprendido entre o p.q. 21+600 e o 35+670, é dicir, nunha lonxitude duns 14 km.

Esta actuación contempla a ampliación da sección da estrada, que pasará de ter 5 metros a aproximadamente uns 7 metros. Para isto, será necesario ampliar 11 pontóns, conservando os muros existentes para minimizar a afección desde o punto de vista ambiental.

Tamén se executarán cunetas de seguridade e se renovará a rede de drenaxe. Ademais construiranse 19 muros de contención, realizaranse traballos de sostemento de terras e rehabilitarase a capa de rodadura do treito obxecto das obras.

No marco deste proxecto, tamén se habilitará un aparcadoiro para autobuses no entorno de Seoane do Courel, adxacente á parcela na que se ubican actualmente os servizos de Protección Civil.