Inicio / Noticias / A Xunta inicia o luns as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-453, na contorna de Santiago, que suporán afeccións ao tráfico
18/09/2021 - 12:10

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021.- A Xunta inicia o luns as obras de mellora do firme da estrada AC-453, que une Roxos con Portomouro, na contorna de Santiago, que suporán afeccións ao tráfico, sendo necesario o corte diúrno e o desvío do tráfico ata o vindeiro 7 de outubro.

As actuacións consistirán no acondicionamento da capa de rodadura nos treitos máis deteriorados da estrada AC-453 ao seu paso polos concellos de Santiago, de Ames e do Val do Dubra.

Durante a execución das obras o tránsito diúrno neste tramo da vía autonómica, do punto quilométrico 0 ao 3+40, quedará restrinxindo a residentes e vehículos escolares, que poderán acceder mediante circulación alternativa regulada con semáforos. Para o resto de usuarios deste tramo, incluíndo os vehículos pesados de máis de 3,5 toneladas, habilítanse os correspondentes desvíos polas pola vía autonómica AC-554 e a vía provincial DP-0203.

A duración deste corte será durante a xornada de traballo, restituíndose cada día á circulación normal unha vez finalizada a xornada laboral. O tempo concreto que durarán estas afeccións ao tráfico dependerá das condicións meteorolóxicas e do avance dos traballos, aínda que se prevé que poidan finalizar o 7 de outubro.

A actuación forma parte das obras de acondicionamento do firme en varias vías autonómicas, nas que se inclúen, tamén estes mesmos traballos na AC-960 desde A Susana ata o límite con Vila de Cruces, e na AC-305 entre Padrón e Ribeira, cun investimento global da Xunta máis de 1 M€.

Os traballos nas zonas máis deterioradas centraranse no fresado e na reposición do firme, en anchos variables, dependendo da posición e extensión das deficiencias. Nas zonas co firme fisurado pero sen deformación a rehabilitación consistirá na extensión dunha capa de rodadura en todo o ancho do carril.

A intervención da Xunta completarase coa reposición da sinalización horizontal e do balizamento, ademais do repintado nas zonas nas que se realice o fresado e a mellora do firme.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.