Inicio / Noticias / A Xunta inicia o luns as obras de reforzo do firme da estrada LU-234 ao seu paso polos concellos de Lugo e de Friol, que suporá un investimento de case 520.000 €
18/06/2022 - 13:46

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021.- A Xunta iniciará este vindeiro luns, día 20 a execución das obras de reforzo de firme na estrada autonómica LU-234, ao seu paso polos concellos de Lugo e de Friol, que terán afección ao tráfico.

 

Os distintos traballos desenvolveranse cos medios de conservación de estradas da Xunta ao longo dos 12,6 km desta vía, que comunica os núcleos de Ramil e Cotá, e suporán un investimento autonómico que rolda os 520.000 euros

 

As tarefas de rehabilitación do firme se concentrarán no tramo da LU-234 comprendido entre os puntos quilométricos 4 e 12+660 e farán necesario o corte total da circulación durante nove xornadas laborais, entre o luns día 20, ata o seu remate, previsto para o venres día 1 de xullo.

 

Para minimizar o impacto na circulación, os traballos executaranse por tramos, polo que os desvíos serán acordes coa zona na que se actúa en cada momento. Tamén, para evitar a afección no vindeiro festivo día 24, e na fin de semana, a circulación volverá á normalidade durante eses tres días.

 

Segundo a programación das obras, os primeiros traballos comezarán o día 20 ás 8:00 horas e rematarán o xoves, día 23 ás 20:00 horas, restablecéndose a circulación normal ao final de cada día laboral.

 

As obras de rehabilitación do firme na LU-234 retomaranse o luns día 27 ás 8:00 horas e o tráfico restablecerase ás 20 horas do venres día 1 de xullo. Tamén, neste caso, a estrada abrirase ao tráfico ao final de cada xornada de traballo.

 

Os traballos incluirán a limpeza previa de cunetas e o reforzo de firme cunha mestura bituminosa en quente nunha lonxitude de 8,66 km da estrada, que se corresponde entre os puntos 4+000 ao 08+570 co tramo que percorre o municipio de Lugo, e entre os puntos 08+570 e 12+660,  xa en Friol.

 

A intervención será completada, posteriormente, co repintado da sinalización horizontal de toda a estrada LU-234.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios.