Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras da nova senda peonil e ciclista entre Coirados e Pardavila, en Marín
07/07/2020 - 04:28
A Xunta inicia as obras da nova senda peonil e ciclista entre Coirados e Pardavila, en Marín

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de execución dunha senda peonil e ciclista na estrada PO-313, entre Coirados e Pardavila, no concello de Marín.

Esta actuación foi adxudicada á empresa Narom S.L. por importe de máis de 570.000 euros.

Trátase da execución dun itinerario duns 2 quilómetros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada PO-313, desde a saída de Marín e conectando coas beirarrúas ata Pardavila, no punto quilométrico 3+300, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín.

A intervención comezará polos primeiros 15 metros desta estrada, no punto quilométrico 1+380, onde se executará unha pequena plataforma para salvar o rego existente. A partir dese punto, a sección tipo constará dunha senda en formigón coloreada de 1,8 m de ancho medio, aproveitando nalgún tramo intermedio a beirarrúa existente.

Como obras complementarias, a actuación recolle a instalación dunha nova rede de drenaxe e a mellora da intersección existente no punto quilométrico 2, coa execución dun carril central e dun cambio de sentido.

O obxectivo prioritario desta actuación é incrementar a seguridade dos veciños nos seus desprazamentos cotiás e promover unha mobilidade máis sustentable.

Esta actuación, enmarcada no Plan de Sendas da comarca do Morrazo no que se contemplan 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, está cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.

Expropiacións

Cómpre lembrar que a Xunta convocou mañá os titulares dos terreos afectados para avanzar no pago de depósitos previos e na formalización das actas de ocupación. Os convocados deberán acudir á Casa do Concello de Marín, desde as 10,00 ás 13,10 horas.

Os actos realizaranse sempre de acordo cunhas estritas medidas preventivas do risco de contaxio por mor da covid-19 establecidas nun protocolo de seguridade aprobado polo Consello da Xunta o pasado 8 de maio.