Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras da segunda fase de mellora da estrada autonómica PO-234, entre Ponte Caldelas e Laxoso
16/09/2019 - 04:22
A Xunta inicia as obras da segunda fase de mellora da estrada autonómica PO-234, entre Ponte Caldelas e Laxoso

Ponte Caldelas (Pontevedra), 16 de setembro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá o inicio dos traballos da segunda fase de mellora da estrada autonómica PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá case 600.000 euros, sumando as expropiacións.

Esta intervención persegue mellorar a seguridade vial e a calidade de vida da cidadanía, cun importante efecto positivo sobre o medio socio-económico e humano.

O proxecto prevé a actuación no tramo de 2,16 quilómetros, desde o final da travesía de Ponte Caldelas, no punto quilométrico 0+420, ata a entrada da travesía de Laxoso, no punto quilométrico 2+580.

Esta actuación define a ampliación da calzada, que actualmente ten entre 5 e 5,5 metros, ata acadar un ancho de 7 metros, e pequenas rectificacións de trazado. Ademais executaranse cunetas tendidas de seguridade nos tramos nos que se precisen, aproximadamente nuns 1,6 quilómetros da estrada.

Tal e como explicou Cores Tourís, a licitación desta intervención impulsada polo departamento de Infraestruturas da Xunta ascendeu a preto de 600.000 euros, tendo en conta a IVE e o pago das expropiación das 74 fincas necesarias para esta actuación.

Co obxectivo de avanzar no proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada PO-234 que conecta Ponte Caldelas e Augasantas, nos Concellos de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade, a Xunta dividiu en 3 fases.

Deste xeito iniciou os traballos no tramo situado en Cerdedo-Cotobade, entre Augasantas e Portasouto, que xa está a disposición dos veciños desde este verán. As obras comezaron nesta parte da estrada autonómica porque o Concello de Cerdedo-Cotobade puxo a disposición da Xunta os terreos necesarios para a execución das mesmas, e non foi necesario tramitar o proceso expropiatorio.

A diferencia desta anterior fase, no caso de Ponte Caldelas, foi necesario levar o trámite expropiatorio ao Consello da Xunta, ao non dispor o concello dos terreos necesarios para acometer esta actuación. “O concello segue sen abonar os cartos acordados a través dun convenio para facer fronte a estas expropiacións, que roldaban os 40.000 euros”, explicou Cores Tourís, quen matizou que “agora o alcalde pídenos unha senda peonil e ciclista, que non solicitou cando se deseñou o proxecto e que suporía máis expropiacións”.

“Estamos xa a traballar na terceira fase deste proxecto”, engadiu Cores Tourís, que suporá a execución da mellora do tramo entre Laxoso-Portasouto ao longo de 1,5 quilómetros. “Deste xeito, acadaremos o acondicionamento completo desta estrada autonómica, amosando así a firme aposta da Xunta de Galicia por reforzar a seguridade viaria e por mellorar a mobilidade dos veciños de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade e dar resposta ao que demandan os cidadáns”, rematou o delegado territorial.