Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras de conservación do paso inferior peonil da estrada autonómica PO-308 en Combarro, no concello de Poio
23/03/2023 - 04:41
A Xunta inicia as obras de conservación do paso inferior peonil da estrada autonómica PO-308 en Combarro, no concello de Poio

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de conservación do paso inferior peonil baixo a estrada autonómica PO-308, en Combarro, no concello de Poio.

A intervención, cun investimento de preto de 50.000 euros, permite actuar no paso inferior situado no punto quilométrico 6+160 da PO-308, co obxectivo de reparar as deficiencias detectadas, derivadas da exposición ao ambiente mariño, reforzando e mellorando a estrutura de formigón. 

Os traballos, que se veñen de comezar, céntranse nunha estrutura na que se acometeron varias ampliacións, polo que se poden diferenciar tres tipoloxías de estruturas diferentes. 

O primeiro tramo, o máis recente e o menos exposto ao ambiente mariño, ten unha lonxitude duns 6 metros, está formado por elementos verticais e horizontais de formigón. Neste caso realizaranse reparacións menores, ante o seu bo estado xeral. 

No segundo tramo, dunha lonxitude de 13 metros, as paredes son de sillería con rexuntado de morteiro de cemento, e o forxado é de formigón sobre viguetas metálicas. As actuacións aquí céntranse nun tratamento anticorrosivo das viguetas do dintel. 

O terceiro tramo, dunha lonxitude de 11 metros, está composto por paredes e lousa superior de formigón armado. Por este tramo pasan diferentes servizos, de auga e de subministración eléctrica, sendo o tramo de maior exposición ao ambiente mariño, e polo tanto, o que requirirá dunha intervención maior.  

Acométense, en primeiro lugar, actuacións de reparación e reforzo para restituír a estrutura ao seu estado inicial: limpeza xeral con chorro de area, saneado xeral da zona con medios mecánicos de baixa potencia, limpeza e pasivación de todas as armaduras vistas, e aplicación dun morteiro de altas prestacións mecánicas.  

No segundo tramo, tras a limpeza dos elementos metálicos, aplicarase un sistema de pintura cunha protección de alta durabilidade.  

No último tramo, apearanse as conducións de servizos, reforzarase a estrutura con morteiro proxectado armado con mallazo, creando unha capa adicional de 5 centímetros e unificarase o acabado co existente. 

Ademais, para aumentar a durabilidade da estrutura e conseguir unha maior protección, aplicaranse dous tratamentos de superficie, que se realizarán sobre o formigón tratado: un inhibidor de corrosión e unha pintura anticarbonatación.

A Xunta segue dedicando un grande esforzo orzamentario á conservación e mellora da rede viaria autonómica, á que vén destinando máis de 50 M€ cada ano, reforzando os programas de inspección e control, tanto das pontes e obras de paso, como de noiros e muros, ademais do Plan de reforzos de firme, para garantir as boas condicións nas vías de titularidade autonómica.