Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras de mellora de firme en distintas estradas autonómicas das comarcas do Morrazo, Deza e Pontevedra, cun investimento de máis de 1,2 millón de euros
07/11/2019 - 12:03

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar esta semana as obras de mellora do firme en distintas estradas autonómicas das comarcas do Morrazo, Deza e Pontevedra, cun investimento de máis de 1,2 millón de euros.

Esta intervención, foi adxudicada á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L e se estima un prazo de execución de seis meses, sempre que así o permitan as condicións meteorolóxicas.

Os traballos incluídos neste contrato levaranse a cabo en varios tramos das estradas, a CG-4.1 (Corredor do Morrazo), PO-532, PO-533, PO-542, PO-840, PO-905, PO-313, PO-210, PO-211, PO-212, PO-184 e PO-185, ao seu paso polos municipios de Moaña, Cangas, Pontevedra, Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Marín e Silleda.

As obras comézanse por catro estradas da comarca de Pontevedra e o Morrazo, na CG-4.1, PO-313, PO-542 e PO-532. O proxecto ten por obxecto a rehabilitación de firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura presente carencias ou se atope deteriorada, coa finalidade de reforzar e mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios destas estradas.

Máis en detalle, na CG-4.1 actuarase no treito final desta vía de alta capacidade do Morrazo, entre os puntos quilométricos 12+100 e 15+000, nos concellos de Moaña e Cangas.

Na estrada PO-532, as obras comprenden o tramo entre a travesía de Pontevedra e a glorieta coa PO-542 en Marcón. Tamén na PO-542, á altura de Marcón, estenderase unha nova capa de rodadura entre os puntos quilómetros 0+020 e 3+200, que coincide na glorieta coa PO-532. Estas intervencións benefician directamente ao Concello de Pontevedra.

Na PO-533, intervirase no treito que vai da travesía de Lalín e a travesía de Rodeiro, ao seu paso por Lalín, Dozón e Rodeiro.

Os traballos de mellora na PO-840 se corresponden co treito final da estrada, na entrada á travesía de Agolada, entre os puntos quilométricos 67+080 e 68+680, neste concello do Deza. E na PO-905, intervirase entre Duxame, puntos quilométricos 7+950, e 9+080 e tamén na zona do embalse de Portodemouros, dende o punto quilométrico 9+900 e ata o 10+900, no Concello de Vila de Cruces.

Na estrada PO-313 entre San Tomé de Piñeiro e Broullón, puntos quilométricos 7 e 12, e en Quintela, dende o punto quilométrico 15+900 ata o 16+420, nos concellos de Moaña e Marín.

No Concello de Silleda, intervirase na PO-210 entre A Bandeira e a estación de Bandeira, e tamén na PO-211, na parroquia de O Castro, entre os puntos quilométricos 2+320 e 3+500.

Segundo recolle tamén o proxecto que se licita hoxe, as obras inclúen melloras nun tramo antigo da PO-212, á altura da parroquia de Ventosa, no Concello de Agolada. Tamén neste concello actuarase na PO-184, no tramo antigo da PO-840 ao seu paso por Berredo, entre os puntos quilométricos 0+400 e 1+680. E ademais intervirase na PO-185, no tramo antigo da PO-840 en Borraxeiros, entre os puntos quilométricos 0+500 e 1+360.

Con estas intervención a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas.