Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-552, na contorna da Ponte da Ramallosa, no concello de Baiona
11/04/2019 - 04:47

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-552, na contorna da Ponte da Ramallosa, no Concello de Baiona.

Os traballos foron adxudicados por un importe de 30.000 euros á empresa Narom, S.L, e dispoñen dun prazo de execución de 2 meses, desde o seu inicio.

A intervención ten como obxectivo mellorar a accesibilidade da beirarrúa existente na marxe esquerda da estrada PO-552, na ponte sobre o río Miñor e no cruce coa avenida Iván Cela, en A Ramallosa, nunha lonxitude aproximada de 110 metros.

Para iso, ampliarase a actual beirarrúa ata acadar un ancho de case 2 metros, e repintarase a calzada reducindo nos carrís desta vía o espazo necesario para a ampliación da beirarrúa.

Tamén executarase un novo paso de peóns para dar acceso ao paseo, despois do cruce coa avenida Iván Cela, que contará con sinalización de paso de peóns luminosa con pulsador de acendido.