Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras de mellora do firme en seis estradas autonómicas de Pontevedra e do Salnés, que suporá un investimento de 1,3 M€
28/06/2022 - 04:46
A Xunta inicia as obras de mellora do firme en seis estradas autonómicas de Pontevedra e do Salnés, que suporá un investimento de 1,3 M€

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou a execución das obras de rehabilitación do firme en seis estradas autonómicas da zona de Pontevedra e do Salnés, que suporá un investimento de 1,3 M€.

 

Os traballos, que se iniciaron pola estrada PO-312, na Toxa, no concello do Grove, comprenden tamén actuacións de acondicionamento e mellora do pavimento da estrada autonómica PO-300 ao seu paso por Meis, Cambados, Vilanova e Ribadumia; da PO-309, en Poio; da PO-316, tamén no Grove; da PO-308, en Sanxenxo; e da PO-531 en Pontevedra.

 

En conxunto, as actuacións suporán o reforzo do firme en oito treitos destas vías autonómicas, que suman un total de 14,7 quilómetros de lonxitude, e discorren por estes oito municipios da provincia de Pontevedra.

 

As obras executaranse de tal xeito que a afección ao tráfico sexa a menor posible, evitando traballar nos períodos estivais de maior intensidade de circulación. O obxectivo da Xunta é poder rematar as obras a principios do outono, adiantándose así ao prazo previsto, de 6 meses.

 

As actuacións

No concello do Grove, as tarefas de acondicionamento da PO-312 céntranse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 1+580, e inclúen como intervención complementaria a instalación de dous pasos de peóns sobreelevados para reforzar a seguridade viaria. Tamén se actuará neste municipio na PO-316, entre o quilómetro 0 e o 1+800.

 

As intervencións na estrada PO-300 Mosteiro-Cambados consisten no acondicionamento do firme en máis de oito quilómetros da vía, ao seu paso polos termos de Meis, Cambados, Vilanova de Arousa e Ribadumia. A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 2+680 e 6+320 e tamén no tramo que vai do punto 6+790 e 11+720 da PO-300.

 

Na estrada PO-308 actúase no tramo da vía comprendido entre os puntos quilométricos 28+100 e 28+480, ao seu paso por Sanxenxo; e na PO-309, desde o punto 0 ao 1+180, no concello de Poio.

 

No caso da estrada PO-531, actúase nos treitos situados entre os puntos 7+600 e 8+150 e o 8+350 e 8+900, ao seu paso polo municipio de Pontevedra.

 

Como actuacións complementarias á reposición do firme, os traballos inclúen a mellora de interseccións nas estradas PO-300 e PO-309, o acondicionamento de acceso a outra estrada anexa na PO-300.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.