Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras de reforzo dun noiro da estrada autonómica PO-400 ao seu paso pola parroquia de San Roque, no concello de Crecente
23/07/2020 - 14:03

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de reforzo dun noiro da estrada PO-400, ao seu paso pola parroquia de San Roque, no concello de Crecente.

Esta actuación foi adxudicada á empresa Cantería y Obras Manuel Vaqueiro S.L.U., por preto de 38.000 euros, e conta cun prazo de execución de 1 mes.

A intervención vén motivada polos efectos dos temporais do pasado inverno, que provocaron un desprendemento de terras no noiro de desmonte situado na marxe esquerda da vía de titularidade autonómica, no punto quilométrico 31+880.

Trátase da construción de muro de cachotería en contención de noiro situado na marxe esquerda da estrada, no punto quilométrico 31+880, na zona próxima ao núcleo do Freixo.

Os traballos que se executan para a estabilización definitiva do noiro consisten na escavación da gabia de cimentación con formigón ciclópeo, a execución do muro con bloques de granito, acuñado e ripiado, e o recheo da parte traseira do muro con xabre.

Esta obra do departamento que dirixe Ethel Vázquez executarase na súa totalidade sobre o dominio público da estrada, polo que non foi necesario realizar ningunha expropiación.