Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de rehabilitación da casa do legoeiro do Outo do Cumial e de posta en valor da contorna da Vía da Prata, ao carón da estrada autonómica OU-105, no municipio de Ourense.
Esta intervención foi adxudicada á empresa Extraco Construccions e Proxectos, S.A por un importe de preto de 48.000 euros e prevé o seu remate entre finais de novembro e principios de decembro.
As obras que se inician hoxe consisten na mellora e integración paisaxística na contorna do Camiño de Santiago, foi validada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e vense sumar a outras melloras realizadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta: como a mellora da seguridade viaria na propia OU-105, en Seixalbo, que tamén incidiu na mellora da Vía da Prata.
A casa do legoeiro
A casa do legoeiro utilízase na actualidade como edificación de servizo para os labores de conservación de estradas do departamento de Infraestruturas da Xunta e nos últimos anos realizáronse melloras interiores para mellor organización do servizo.
Con esta actuación búscase manter a configuración orixinal dos edificios da casa do legoeiro, dos anos 50, e liberar as vistas do cruceiro, derribando as construcións anexas.
Para iso, os traballos inclúen o derribo total das edificacións anexas e a retirada dos elementos da cuberta da casa do legoeiro, para a súa reparación e consolidación. Os cerramentos exteriores mantéñense e executaranse co mantemento das fachadas de cantería e fabrica existente.
Ademais, na contorna, a Xunta está a realizar melloras no paso dos peregrinos no Cumial, de modo que sexan encamiñados ao punto máis seguro de cruce da estrada.