Inicio / Noticias / A Xunta inicia as obras para a eliminación dun treito de concentración de accidentes na contorna do parque empresarial da pasaxe, en Gondomar
04/08/2020 - 03:26
A Xunta inicia as obras para a eliminación dun treito de concentración de accidentes na contorna do parque empresarial da pasaxe, en Gondomar

Santiago de Compostela, 4 de agosto 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-331, no contorno do parque empresarial da Pasaxe.

Os traballos suporán un investimento da Xunta próximo aos 435.000 euros e estarán rematados este mesmo ano.

A intervención nesta estrada autonómica que comunica O Porriño e Gondomar ten como obxectivo a eliminación dun treito de concentración de accidentes, entre o punto quilométrico 11+200 e o 14+600, que coincide na zona máis industrializada, e na zona un pouco máis rural que rodea e conforma os accesos á zona empresarial.

Executarase unha glorieta para facilitar os xiros e o acceso á zona empresarial na intersección entre a PO-331 e a AG-57. Tamén se acometerán beirarrúas ao longo dun treito duns 600 metros para facilitar os desprazamentos a pé.

De xeito paralelo, mellorarase o acceso desde a PO-331 ao polígono, co reforzo do firme, nunha zona da estrada na zona máis rural. Ademais, prevese o reforzo da seguridade nos pasos peonís, garantindo unha mellor visibilidade coa limitación de aparcamento nas súas proximidades e con iluminación axeitada.

Esta actuación non afectará á Zona de Vincios, onde a mellora da seguridade viaria se acometerá cando o Concello de Gondomar acade o consenso necesario cos veciños.

A intervención enmárcase na estratexia da Xunta para ter actuado en todos os tramos de concentración de accidentes existentes nas estradas de titularidade autonómica no horizonte deste ano.