Inicio / Noticias / A Xunta inicia os traballos previos sobre o terreo para executar a senda fluvial de Dorrón en Sanxenxo
15/06/2022 - 05:19

Sanxenxo (Pontevedra), 15 de xuño de 2022 A Xunta deu inicio esta semana ás medicións e marcaxes previas ao comezo da obra da senda fluvial de Dorrón, en Sanxenxo. De feito, pequenas estacas xa delimitan certos tramos do novo roteiro que se estende ao longo 3,6 quilómetros e ascende a ladeira desde as proximidades da praia de Areas ata o muíño de Xián.

 

O groso da actuación, financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dará comezo nos vindeiros días, terá un prazo de execución de 5 meses e suporá un investimento de 391.928 euros, procedentes dos fondos europeos NextGenerationEU.

 

Así mesmo, tamén deron inicio os contactos cos propietarios de leiras necesarias para a provisión de materiais e o paso de maquinaria para a construción da senda.

 

O proxecto contempla a roza manual e selectiva da vexetación, así como a eliminación de especies invasoras e alóctonas como a herba da Pampa, cana, xunco xigante ou orella de gato, mellorando deste xeito os hábitats fluviais.

 

Ao longo do trazado inclúense actuacións como as construcións de muros de cachotería, recuperación de pasos de pedra, pasos de madeira e pasarelas e varandas de madeira. Contará cun ancho aproximado de 2 metros con pavimento sobre saburra.

 

Ademais, o roteiro sinalizará os lugares de interese, así como o propio percorrido a través de 10 paneis informativos e dúas unidades de carteleira con tellado. Isto realizarase tendo en conta o manual da Federación Galega de Montañismo para a súa posterior homologación. Algúns dos puntos que se recollerán na sinalética serán os muíños da Costa, de Felipe e de Quintáns, así como a igrexa de San Pedro de Bordóns, o lavadoiro de Outeiro, a igrexa de San Xoán de Dorrón ou o cruceiro de Quintáns.