Inicio / Noticias / A Xunta iniciará antes de finais de ano a contratación das obras do 1º tramo da conexión da Vía Ártabra coa AP-9, entre a N-VI e a estrada AC-221, para comezalas no primeiro semestre de 2019
28/09/2018 - 04:43
A Xunta iniciará antes de finais de ano a contratación das obras do 1º tramo da conexión da Vía Ártabra coa AP-9, entre a N-VI e a estrada AC-221, para comezalas no primeiro semestre de 2019

A Coruña, 28 de setembro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, reuniuse hoxe con representantes dos concellos da Coruña, aos que lle trasladou o inicio antes de finais de ano da contratación das obras do 1º tramo da conexión da Vía Ártabra coa AP-9, entre a N-VI e a estrada San Pedro de Nós- Mabegondo (AC-221) para comezalas no 1º semestre de 2019.

Vázquez Mourelle subliñou a firme vontade da Xunta de axilizar as obras de conexión desta vía estratéxica coa AP-9, unha actuación que suporá un investimento global autonómico de 35 millóns de euros.

Explicou que para levar a cabo esta prolongación da estrada cómpre contar coa autorización do Ministerio de Fomento, ao entroncar con dúas vías de titularidade estatal, a AP-9 e a N-VI. Concretou que o Executivo autonómico non quere demorar máis esta actuación, polo que dispón da achega económica e dos documentos técnicos, só falta que Fomento ratifique que o enlace da Vía Ártabra coa N-VI non ten ningún tipo de impedimento.

Indicou que o obxectivo é avanzar neste treito ao tempo que se lle deixa marxe a Fomento para que emita a autorización precisa para o entronque coa AP-9. Así, no momento en que a Xunta dispoña desta licenza, poderá continuar coas obras de prolongación desde ese punto ata a autoestrada.

Ethel Vázquez fixo fincapé na relevancia desta conexión co fin de darlle funcionalidade á propia Vía Ártabra, na que, en plena crise económica, o Goberno galego investiu máis de 70 millóns de euros e mellorar a mobilidade dos veciños de Oleiros, Cambre e Sada nos seus desprazamentos cara á Coruña e cara a Santiago.

Plan de transporte

Por outra parte, na reunión tamén se abordou o transporte, en relación ao que a titular autonómica de Mobilidade manifestou o compromiso da Xunta de traballar pola súa mellora.

Recordou que xa hai meses que o Goberno galego contactou con tódolos concellos para que fixeran propostas de cara a mellorar a mobilidade e ofrecerlles aos cidadáns unhas liñas de autobús que respondan con maior eficacia ás necesidades dos veciños.

Salientou que se trata dun proceso participado no que se vén dialogando concello a concello e que non se pode adiar porque o ano que vén rematan todas as concesións e a Xunta non vai permitir que nin Galicia nin a área da Coruña quede un día sen transporte.