Inicio / Noticias / A Xunta iniciará mañá a construción dunha senda peonil en Santa Comba de Gargantós, en San Cibrao das Viñas, como obra complementaria á nova conexión do polígono coa A-52
03/05/2020 - 14:00

Santiago, 3 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezará mañá as obras de construción da nova senda en Santa Comba de Gargantós, en San Cibrao das Viñas, como actuación complementaria á nova conexión do polígono coa A-52.Esta actuación foi adxudicada á empresa Construcciones Orega, S.L., por un importe de máis de 36.000 euros. As obras teñen un prazo de execución de dous meses.

Trátase da construción dunha senda peonil na marxe esquerda da estrada local que vai ao lugar de Infesta, nas proximidades do enlace da autovía A-52 (Autovía das Rías Baixas) coa AG-31 (Autovía Ourense-Celanova), que se está a remodelar con motivo da conexión do acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas.

O obxectivo desta intervención é mellorar a mobilidade e a seguridade dos peóns na contorna do enlace.

Executarase unha senda, cun ancho mínimo de dous metros, e en paralelo un muro para conter o terreo sobre o que se construirá o itinerario, xa que está situado a unha altura superior á rasante da estrada. Tamén se renovará a capa de rodadura nesta contorna na que se construirá a senda peonil.

Nos seguintes planos amósase a ubicación da actuación, así como a planta da senda proxectada.