Inicio / Noticias / A Xunta iniciará mañá as obras de mellora do firme na estrada LU-612, entre Oural e Goo, nos concellos de Sarria e O Incio
24/09/2018 - 14:21
A Xunta iniciará mañá as obras de mellora do firme na estrada LU-612, entre Oural e Goo, nos concellos de Sarria e O Incio

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda comezará mañá as obras de mellora do firme na estrada LU-612, entre Oural e Goo, nos Concellos de Sarria e O Incio. Os traballos levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 0 e 8+300 da citada estrada autonómica.

Para realizar a pavimentación entre os p.q. 0 e 2+200 será preciso efectuar cortes puntuais dun carril, dando tráfico alternativo polo segundo carril, pero desde este punto ata o final do tramo de actuación establecerase un desvío alternativo.

O prazo de execución destas obras de rehabilitación do firme será duns 10 días aproximadamente.

Esta actuación está enmarcada nun contrato máis amplo que recolle a rehabilitación da capa de rodadura nas estradas Taboada- Monterroso (LU-212) e Oural- Ferrería do Incio (LU-642), entre outras. Estas obras, que se realizarán nestas vías ao paso polos concellos de Monterroso, Sarria, O Incio e Taboada, foron licitadas por máis de 918.000 euros.

Cómpre lembrar que a execución deste paquete de obras xa se iniciou no mes de agosto con traballos na estrada LU-212.

Coa execución deste tipo de traballos, a consellería continúa co desenvolvemento do Plan de Reforzos de Firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementou de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros.

A Xunta segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións co fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.