Inicio / Noticias / A Xunta iniciará o xoves actuacións de conservación na estrada AC-429, ao seu paso polo concello de Laxe, que asumirá a titularidade e xestión desta vía
17/04/2018 - 09:20

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2018.- A Xunta iniciará o xoves actuacións de conservación na estrada AC-429, ao seu paso polo Concello de Laxe, que asumirá a titularidade e xestión desta vía.

Tras a formalización da transferencia de titularidade desta travesía, que se está tramitando, o Concello será a administración responsable da vía e polo tanto, da regulación da instalación de terrazas.

Cómpre lembrar que hai uns meses no Concello de Laxe constatouse a instalación de terrazas en zonas de aparcadoiro da vía autonómica, o que supón unha irregularidade dende o punto de vista da normativa de estradas da Xunta. Neste sentido, como solución a esta problemática, o Executivo autonómico e a Administración local acordaron a realización dun cambio de titularidade da estrada, pasando a ser de competencia municipal.

O Goberno galego realizará actuacións de conservación na travesía, en concreto, o pintado de 8 pasos de peóns, tres dos que se configurarán como elevados. Ademais, actuarase nas beirarrúas para mellorar a accesibilidade con rebaixes nas mesmas e instalaranse sinais luminosas de advertencia da situación dos pasos de peóns.