Inicio / Noticias / A Xunta instala dúas marquesiñas na estrada LU-612 en Guntín e unha en Portomarín para mellorar o servizo aos usuarios do transporte público
07/01/2020 - 04:15
A Xunta instala dúas marquesiñas na estrada LU-612 en Guntín e unha en Portomarín para mellorar o servizo aos usuarios do transporte público

Guntín (Lugo), 7 de xaneiro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de instalar tres novas marquesiñas na estrada LU-612 (vía que comunica Lugo e Portomarín), dúas delas no concello de Guntín e unha en Portomarín, coas que se pretende mellorar o servizo aos usuarios do transporte público.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou as novas instalacións de Guntín acompañado pola alcaldesa, María José Gómez Rodríguez.

Neste municipio, unha das marquesiñas está ubicada á altura do cruce de Mosteiro (punto quilométrico 14) e a outra en Piñeiras (pq 17,5), ambas en dirección cara Lugo. En Portomarín, sitúase no punto quilométrico 19,2 da estrada, á altura de Quintá, en dirección Portomarín.

A súa instalación enmárcase dentro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos públicos de transporte, que pretende acadar un transporte público que responda ás necesidades dos cidadáns.

As dúas infraestruturas, con selo galego tanto no deseño como na madeira de piñeiro empregada, teñen como obxectivo protexer aos usuarios das inclemencias meteorolóxicas e facer máis cómoda e segura a espera.

O Executivo autonómico está a impulsar o novo Plan de Transporte Público de Galicia para proporcionarlles aos cidadáns uns servizos de autobús que respondan ás súas necesidades reais en materia de mobilidade.

A Xunta, ademais de duplicar e optimizar as liñas e paradas de autobús, tamén traballa na mellora das infraestruturas que albergan os servizos de transporte público, como é o caso das estacións de autobús.