Inicio / Noticias / A Xunta investirá 2,4M€ nos novos xulgados da Estrada coa previsión de comezar a obra na primavera
19/10/2021 - 03:52

A Estrada (Pontevedra), 19 de outubro de 2021.- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a parcela da Estrada na que se vai a construír o novo edificio xudicial, unha actuación que ten un presuposto total de 2,4 millóns de euros (1,4 millóns no 2022 e un millón máis no 2023).Nunha visita na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, Alfonso Rueda reuniuse co alcalde da Estrada, José López; co xuíz decano, Ricardo López, e co arquitecto redactor do anteproxecto, Víctor Manuel López, entre outros, para coñecer de primeira man os pormenores dunha obra que se prevé que comece na primavera do 2022 e finalice un ano despois, co obxectivo de que os novos xulgados da Estrada entren en funcionamento na verán de 2023.O anteproxecto recolle as liñas xerais da obra nunha parcela cedida polo concello na que se levantará un edificio de 1.817 metros cadrados con dúas plantas; unha baixa na que se situarán os espazos públicos, con tres salas de vistas, e un primeiro andar para os dous xulgados do partido xudicial, ademais dun soto para arquivos. O inmoble terá, a maiores, decanato, sala de videoconferencias e de informática, sala de atención ás vítimas, rexistro civil, despacho e sala de agarda para o Imelga, despacho da fiscalía e un área para os profesionais da avogacía, procuradores e graduados sociais.Á redacción do proxecto dos novos xulgados da Estrada na parcela cedida a tal fin polo Concello destínanse 60.000 euros este ano, pero a maior parte do investimento resérvase para o 2022, co inicio da obra do edificio no que a Xunta investirá 1,4 millóns de euros, e para o 2023, ano no que se investirá outro millón de euros máis e no que se prevé que entren a funcionar os novos xulgados. Neste novo espazo traballarán 18 profesionais: dous xuíces, dous letrados da Administración da Xustiza, 12 funcionarios e dous axentes de seguridade.

Aposta pola modernización da xustiza

O vicepresidente primeiro ratificou na Estrada a aposta da Xunta pola modernización da xustiza, de tal xeito que destinará no 2022 preto de 8 millóns de euros a novas infraestruturas xudiciais. Ademais de 1,6M euros destinados a obras menores nos edificios xudiciais galegos.O anteproxecto da Lei de Orzamentos aprobado onte no Consello da Xunta recolle, como actuacións destacadas da Dirección Xeral de Xustiza, dependente da Vicepresidencia Primeira da Xunta, a construción da nova sede xudicial do Imelga en Santiago, a dotación de servizos complementarios na nova Cidade da Xustiza de Vigo e a posta en marcha dun novo edificio xudicial na Estrada. A sede central do Instituto de Medicina Legal de Galicia, se levantará nunha parcela cedida polo Concello de Santiago en Fontiñas e con esta actuación preténdese dotar aos forenses e traballadores dunhas instalacións dignas con todos os adiantos na medicina legal para dar aos usuarios en xeral, e as vítimas en particular, un servizo de calidade. Unha vez rematada a construción e traslado dos servizos xudiciais de Vigo á nova Cidade da Xustiza levaranse a cabo actuacións para dotar ao complexo doutros servizos complementarios, entre os que destaca a dotación e posta en marcha da gardería da que poderán desfrutar os traballadores para facilitar a conciliación laboral e familiar. A Cidade da Xustiza de Vigo, que acollerá 38 unidades xudiciais nas dependencias do antigo Hospital Xeral da por concluído o Plan de Infraestruturas Xudiciais, no que a Xunta investiu 122 millóns de euros nos últimos anos. Alfonso Rueda subliñou que estas inversións demostran o interese da Xunta por mellorar e modernizar as infraestruturas xudiciais galegas co obxectivo de “achegar aos cidadáns un servizo máis eficaz e equitativo”. Ás actuacións nas novas infraestruturas se suman as que se están levando a cabo para a climatización e eficiencia enerxética dos edificios xudiciais, así como a mellora da calidade do servizo que se ofrece tanto aos cidadáns en xeral como as vítimas, con actuacións como a posta en marcha das salas de vistas dixitais ou das salas Gesell, que permiten protexer e reservar a identidade de menores ou vítimas da violencia de xénero cando teñen que asistir a unha entrevista ou a unha declaración xudicial.