Inicio / Noticias / A Xunta investirá máis de 14,5 millóns na conexión do saneamento e urbanización da fase B do parque empresarial de Morás, en Arteixo
16/10/2020 - 14:23

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020.- A Xunta de Galicia investirá máis de 14,5 millóns de euros na urbanización da fase B do parque empresarial de Morás, no Concello de Arteixo, e na conexión exterior do saneamento do devandito parque, dúas obras que acaba de adxudicar o Consello de Administración da empresa pública Xestur.

Concretamente, o contrato da conexión exterior do saneamento do polígono arteixán foi adxudicado á empresa Copasa S.A. por un importe de 5.115.000 euros e cun prazo de execución de 16 meses. Esta obra consistirá na execución das actuacións necesarias para recoller e transportar as augas residuais desde o polígono de Morás ata a depuradora de Bens, na Coruña.

Para isto, construirase un sistema de colectores e elementos complementarios de saneamento de forma que os caudais de augas residuais xerados no parque empresarial sexan incorporados ao actual sistema de saneamento municipal do núcleo de Arteixo. Isto contempla a renovación e ampliación da rede de colectores ao longo de 6,7 km aproximadamente, na súa maioría por gravidade.

Urbanización da fase B

Por outra parte, a empresa pública Xestur tamén vén de adxudicar a obra de urbanización da fase B de Morás á Construtora San José S.A. por importe de 9.273.052,78 euros e cun prazo de execución de 12 meses.

Ademais, adxudicouse o contrato para o control de calidade destas obras de urbanización por un importe de 113.299 euros e un prazo equivalente ao que duren as obras. A empresa encargada neste caso é CYE Control y Estudios S.L.

Esta obra afectará a un total de 598.360 metros cadrados de superficie, dos que 498,365 metros serán superficie útil de parcelas, repartidos en catro parcelas.

Cómpre lembrar que no parque empresarial de Morás xa se adxudicaron preto de 650.000 metros cadrados a empresas que se asentarán no mesmo. As obras de urbanización da primeira fase están xa rematadas.